Cinco rapaces dun centro de menores, sen escolarizar por falta de profesorado

A deputada do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG Olalla Rodil esixe explicacións ao Goberno galego polas “irregularidades” na escola do centro de menores Santo Anxo de Rábade.

Cinco rapaces do centro de menores Santo Anxo de Rábade permaneceron un mes sen escolarizar por falta de profesorado.

É a denuncia que fixo na mañá da sexta feira a deputada do BNG Olalla Rodil, que pide explicacións á Xunta da Galiza polas “irregularidades” na citada escola.

Nun comunicado de prensa, a parlamentaria nacionalista advirte da “falta de organización e de compromiso coas menores residentes neste centro” no que "cinco rapaces de protección de menores permaneceron sen escolizar até un mes". Un feito que é considerado polo BNG “gravísimo e inadmisíbel".

Neste contexto, empraza a Xunta da Galiza a esclarecer “a través dunha investigación” o acontecido no centro entre o mes de setembro e outubro, e a dirimir “responsabilidades” deste “feito grave” que “vulnera os dereitos fundamentais dos menores, como é o dereito á educación”.

Tamén reclama “a dotación de maneira inmediata” dos medios necesarios para o correcto funcionamento do centro.

“É unha irresponsabilidade por parte da Consellaría de Educación que manteña un centro educativo sen profesorado suficiente, as persoas menores de idade contan con dereitos e deben ser garantidos polos poderes públicos", indica Rodil.

Neste sentido, acusa a Xunta de “incumprir” coas súas obrigas e responsabilidades “causándolles un enorme prexuízo ás persoas menores que desenvolven a súa vida neste centro".

A denuncia pública súmase a outras da comunidade educativa a respecto da falta de profesorado para atender a diversidade e do recorte de recursos nos centros de ensino públicos.