Orzamentos 2025

O investimento en Atención Primaria repunta levemente mais é 234 millóns inferior ao de 2009

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a pasada quinta feira nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
Tendo en conta os efectos da inflación nestes últimos tres lustros, a partida que destinará a Xunta da Galiza a primeiro nivel asistencial do sistema sanitario no vindeiro exercicio é inferior á que recollían as últimas contas aprobadas polo Goberno de PSdeG e BNG.

Os orzamentos da Xunta da Galiza para o ano 2025 xa están en mans do Parlamento da Galiza. Logo dunha frenética semana na que diferentes cargos do Goberno foron adiantando diferentes partidas antes de se faceren públicas as contas —o que as forzas da oposición, nomeadamente BNG e PSdeG, consideraron un exercicio de "opacidade" ao teren que enterarse dsestes anuncios a través da prensa—, este sábado o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou o documento ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, para dar así comezo a un longo proceso de tramitación no pazo do Hórreo que concluirá en decembro coa súa aprobación definitiva.

E unha vez depositado o proxecto de orzamentos no Parlamento a Xunta habilitou o tradicional portal web no que se poden consultar as contas capítulo a capítulo. Delas despréndese, en primeiro lugar, un lixeiro incremento na partida de gastos destinada a sufragar a Atención Primaria, o primeiro nivel asistencial do sistema de saúde, que pasa dos case 1.583 millóns de euros de 2024 a algo máis de 1.668 millóns para o vindeiro exercicio.

Botando a vista atrás, esta cifra supera, en termos absolutos, a contía total que recibiu a Primaria en 2009, nos últimos orzamentos elaborados polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG: arredor de 1.437 millóns de euros. Porén, tendo en conta os efectos da inflación nestes tres lustros —partindo dos datos ofrecidos polo sistema de actualización de rendas do Instituto Nacional de Estatística (INE) con base no IPC xeral—, aquel dato equivalería hoxe a uns 1.902 millóns de euros.

É dicir, que os orzamentos do Goberno de Alfonso Rueda para 2025 dedicarán en termos relativos uns 234 millóns de euros menos que o de socialistas e nacionalistas na súa última anualidade.