Os orzamentos da Xunta chegan ao Parlamento entre críticas da oposición pola "propaganda" e "opacidade"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou este sábado ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices, o proxecto de orzamentos do Goberno galego para o ano que vén, xunto á lei de medidas fiscais e administrativas, ambos os documentos aprobados polo Consello da Xunta esta semana.
De seguido, a Mesa do Parlamento cualificou o proxecto de lei e, unha vez escoitada a Xunta de Portavoces, asignouno á correspondente Comisión e aprobou o calendario de tramitación deste texto lexislativo. A vindeira segunda feira publicarase no Boletín Oficial do Parlamento Galego (BOPG) para comezar así un longo proceso até que reciba o visto e prace definitivo a mediados de decembro.
Após darlle luz verde o Goberno galego nunha reunión extraordinaria esta quinta feira, a oposición criticou o que considera "propaganda" e "opacidade". En concreto, o BNG ve "malas noticias" nuns orzamentos "recortados" con "moita propaganda" e "cero credibilidade" en materia de vivenda, e o PSOE acusa a Xunta de "desprezo institucional" ao entender que os números chegan "por fascículos" e a través dos medios de comunicación.
Tanto Corgos como o presidente galego, Alfonso Rueda, reivindican o "rigor" do proxecto e que "un ano máis" a Xunta preséntao para telo aprobado "en tempo e forma", o cal contrapoñen co que ocorre co Executivo español. Neste sentido, Rueda cualifícaos de "consevadores", porque van "ao seguro" nas estimacións sobre o que recibirá a Galiza e nas previsións do cadro macroeconómico —para 2025 espera unha alza de 2,1% do PIB e unha taxa de desemprego próxima a 9,1%—.
Tamén valorou na comparecencia posterior ao Consello extraordinario que é a "primeira vez" que o gasto social supera os 10.000 millóns e celebrou o "esforzo moi especial" no acceso á vivenda, con "especial énfase" en impulsar a oferta. A este respecto, a Xunta cifra en 221 os millóns que dedica o orzamento a vivenda e cuantifica o aumento en 55 millóns, co obxectivo de rematar a lexislatura "con 8.000 vivendas públicas".