Luís Villares, portavoz de En Marea

"Quen non veu ao plenario será porque tiña outras cousas que facer"

Luís Villares

"Sería un irresponsábel se non estivese preocupado", afirma o líder da confluencia após as súas teses políticas e organizativas se imporen no plenario do 15X, unha cita marcada pola incomparecencia de referentes críticos relevantes.

Luís Villares pasou esta segunda feira polos micrófonos da Radio Galega para realizar un balanzo do plenario decorrido o pasado sábado no Pazo de Congresos de Compostela.


Esforzouse por transmitir un discurso básico: o de que o propósito de En Marea, alén de formular críticas ao PP, é o de construír unha alternativa. "Non abonda con ser a crítica do PP, temos que ser a alternativa ao PP", afirmou o tamén portavoz parlamentar da confluencia.

 

Sobre a situación interna da organización, Villares resaltou: "Estamos no proceso de construción da casa común. Iso si, xa as portas están abertas" e, en relación ás ausencias [as máis significativas, as de Martiño Noriega e Xulio Ferreiro], declarou: "Quen non veu ao Plenario será porque tiña outras cousas que facer...".

 

Confesouse "preocupado" -"sería irresponsábel se non estivese"- mais afastou en todo momento a hipótese de que fose dar un paso atrás. "Dimitir? Non, na vida hai que comprometerse, pero o día que o deixe marcharei para a miña casa. (...) Eu decidín saír da zona de confort e comprometerme. Non me arrepinto", concluíu.