Publicado o real decreto de traspaso das competencias do litoral a Galiza, efectivo o 1 de xullo

Litoral de Domaio, en Moaña (O Morrazo). (Foto: Alexvc26)
O Estado transfire á Xunta da Galiza 11 vehículos, 17 postos de persoal funcionario e outros 19 de laboral, xunto cun custo de 1,2 millóns.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) e o Diario Oficial da Galiza (DOG) publican esta segunda feira o real decreto de transferencia das competencias sobre o litoral a Galiza, que serán exercidas de maneira efectiva o 1 de xullo.

O Executivo que dirixe Alfonso Rueda pasará así a ter o control sobre autorizacións e concesións do territorio do Estado con máis quilómetros de costa: máis de 2.500 nos que se asentan 4.000 edificacións de todo tipo, incluídas máis de cen empresas do complexo mar-industria, que a Xunta ve "esenciais" para a economía galega.

Do alcance deste paso histórico –trátase do primeiro traspaso á comunidade galega tras case 17 anos, xa que o último data do bipartito de PSdeG e BNG que dirixiu a Xunta de 2005 a 2009– xa informaron nunha comparecencia conxunta a comezos de abril o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Entre as competencias transferidas, segundo figura no decreto aprobado a semana pasada en Consello de Ministros, atópanse as autorizacións de usos de temporada en praias e no mar territorial, as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar ou a vixilancia, así como a tramitación e imposición de sancións.

Cooperación

Pero hai decisións que seguirá tomando o Estado. En concreto, dentro das funcións e servizos que se reserva o Goberno estatal atópanse a de fixar o importe dos canons pola utilización do dominio público marítimo-terrestre ou o rescate das concesións demaniales cando o esixa unha razón de interese xeral vinculada ao seu ámbito. Tamén a potestade sancionadora derivada das súas competencias, e que non se refiran ás infraccións por incumprimento que lle correspondan a Galiza.

O real decreto tamén estabelece unha serie formas de cooperación entre as dúas administracións en materia de construcións ou modificacións de portos e vías de transporte; sobre os informes que deben emitirse desde o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico sobre os plans e normas de ordenación do litoral; ou en materia de obras de interese xeral.

Así mesmo, o texto contempla formas de cooperación –a través dunha comisión de seguimento, convenios e intercambios de datos– para o exercicio de funcións concorrentes, no relativo á construción de novos portos e vías de transporte, cumprimento do réxime xeral do dominio público marítimo-terrestre, exercicio das potestades sancionadoras das respectivas administracións e investimentos en obras de interese xeral.

En canto aos medios que se transfiren á Xunta, están partidas orzamentarias de 1,2 millóns de euros, así como 11 vehículos e 36 postos de traballo –ocupados e vacantes–: 17 de persoal funcionario e 19 de laborais.