Rianxo acolleu a ofrenda floral a Castelao, do PSdeG, encabezada por Caballero
Fronte a estatua de Castelao, en Rianxo, un ano máis o PSdeG optou por unha discreta ofrenda floral para festexar o Día da Patria Galega.
O acto encabezouno o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cun discurso co que pretendía reforzar o "compromiso galeguista e federalista". Caballero aproveitou a ocasión para cargar contra Alberto Núñez Feixoo, presidente do Goberno galego, mais Ana Pontón, líder da oposición: "É momento de que cada un decida que quere ser: o sr. Feijóo está obsesionado con Casado e Ayuso e a sra. Pontón, con Junqueras. Eu estou comprometido con Galicia. Non teño outra meta máis que traballar en Galicia, por Galicia e para Galicia", dixo durante o encontro.
O encontro finalizou ás 13 horas coa interpretación do himno galego por unha formación de gaiteiros.
Este acto contou, ademais de con Gonzalo Caballero, coas intervencións do catedrático de Dereito e exministro de Xustiza do Goberno de España, Francisco Caamaño; da expresidenta do Parlamento da Galiza, Lola Villarino; e o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.