O PSdeG trata de escenificar sen éxito a unidade do seu partido cara ao 25S
O mitin en Vigo evidencia as diferenzas internas sen resolver dos socialistas en Galiza. Pedro Sánchez abandonou o mitin antes da intervención de Leiceaga para coller un avión a Madrid. Abel Caballero e Carmela Silva apenas fixeron mención ao candidato da súa formación á Presidencia da Xunta.
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, visitaba por primeira vez Vigo na presente campaña. Unha praza incómoda para o líder dos socialistas galegos, malia ser o principal bastión do seu partido no país e pese a contar coa presenza do líder estatal, Pedro Sánchez. O mitin co que fechaba a axenda desta cuarta feira, no Auditorio Mar de Vigo, resultou unha sorte de escenificación ao redor da unidade do PSdeG. Unha escenificación sen éxito.
Xa desde o inicio do acto ficou claro que a unidade fica só como paréntese electoral, como decorado de campaña. Sánchez e Leiceaga entraron xuntos, en primeiro lugar, secundados por Abel Losada, cabeza de lista en Pontevedra, na sala onde se celebraba o mitin. Á cola da comitiva aparecían os outros cabezas de cartel: o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mirando o seu móbil, xunto a presidenta da Deputación de Pontevedra e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva.
A decisión da dirección federal de deixar fóra da candidatura nomes afíns a Abel Caballero –para acomodar o seu sobriño, Gonzalo Caballero, unha das voces máis crítica co rexedor– é unha ferida sen fechar. Mais se esta imaxe non ilustraba suficiente a ruptura entre faccións socialistas, as intervencións acabaron por confirmalo.
Caballero abriu o acto dando a benvida a Sánchez e “tamén o candidato”, non volveu nomear a Leiceaga no seu discurso.
Abriu o acto Caballero dando a benvida a Sánchez e “tamén o candidato”. Non volveu nomear a Leiceaga durante o seu discurso. En cambio, o alcalde recorreu o seu argumentario habitual centrado nos logros propios na cidade. Falou del mesmo e de Vigo; só contra o final, fixo algunhas referencias a Sánchez e Silva. Lembrouse mesmo do candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para recordarlle, iso si, os litixios abertos entre ambos durante os últimos anos, como a Área Metropolitana ou o Hospital Álvaro Cunqueiro. “Vigo volverá deter a Feijóo, como fixemos nas municipais, porque non queremos a Feijóo na Xunta”, afirmou Caballero.
Deu paso a Carmela Silva. “Pedro, esta cidade sempre te recibe con aprecio. Vigo te queres, e ti queres a Vigo. Tamén saúdos para Leiceaga, o noso candidato”, dixo e, intres despois, o auditorio estalou nun acto case coreografiado en aplausos e berros de “presidente, presidente”, quer por Leiceaga quer por Sánchez. O certo é que tampouco Silva se lembrou demasiado do aspirante do PSdeG durante a súa intervención. Por contra, devolveu os eloxios a Caballero e lanzou unha chiscadela a Abel Losada. “Non sei se lle gustará que o conte, pero vouno contar. Cando pasou o terremoto de Haití, este home doou todos os seus aforros”, explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, para exemplificar o espírito dos socialistas.
Sánchez chamou a superar as enquisas, “que non nos desexan ningunha boa sorte, pero que nunca acertan”
Chegou entón o momento estrela, a intervención de Pedro Sánchez. O líder estatal dos socialistas arrancou pedindo desculpas porque tiña que ausentarse antes de finalizar o mitin para coller un avión a Madrid. Sánchez chamou a superar as enquisas, “que non nos desexan ningunha boa sorte, pero que nunca acertan”, e quixo evidenciar a suposta tregua na federación galega do seu partido. “Síntome moi orgulloso de que o alcalde de alcaldes sexa Caballero. Precisamos persoas tan comprometidas como Abel, como Carmela, como Xoaquín cando sexa presidente”, valorou o secretario xeral do PSOE. En canto rematou o seu discurso, marchou antes das intervencións a cargo de Losada e Leiceaga.
Fechou o mitin o candidato dos socialistas galegos, que se esforzou por mostrar un achegamento con Caballero e Silva. “Estou moi orgulloso de estar aquí, tamén algo nervioso”, recoñeceu Leiceaga, que dixo querer "trasladar a Galiza o que se está facendo en Vigo" e prometeu "ir da man en todos os proxectos" para a cidade. “Quédannos dez días para facer posíbel o cambio, que non é un mero desexo”, salientou ante os centos de asistentes o mitin. “
O PSdeG tentou que a PAH non se manifestara na porta
Outro dos escenarios do mitin estivo nas portas do Auditorio. A Plataforma de Afectados pola Hipoteca