O PSdeG quere que se forme goberno no Estado
21 de agosto de 2019 (18:08 h.)
A dilación da formación de goberno no Estado e a actitude máis ben pasiva do núcleo de Pedro Sánchez achega a pantasma da repetición electoral. Porén, a marca galega do PSOE prefire que iso non suceda. “A vocación do noso partido é que haxa goberno”, afirmou esta cuarta feira o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero.
Caballero asegurou que aínda hai tempo para que as “forzas progresistas” do Estado -en referencia a PSOE e Podemos- cheguen a un acordo: “Aínda hai un tempo nas vindeiras semanas”. Criticou ademais ás dereitas por non facilitar o Goberno de Sánchez.
O líder do PSdeG tamén se referiu á situación en Galiza. Rexeitou as acusacións de conivencia co PP derivadas do acordo orzamentario no pleno de Santiago de Compostela e manifestou que “todas as forzas progresistas saben que o prioritario é un cambio” na Xunta. Segundo a súa versión, ese cambio existirá “liderado polo PSdeG con todas as forzas que entenden que hai que pasar páxina da etapa de Feixoo”.