O PSdeG pide explicacións a Rueda pola denuncia dos colexios médicos
O PSdeG pedirá explicacións no Parlamento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, após a decisión do Consello Galego de Colexios Médicos de interpor un recurso contra o Plan de xestión integral da demanda en equipo (XIDE), do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Anunciouno esta cuarta feira o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, que alertou da "deterioración permanente" da Atención Primaria "cunha espera media de 14 días", que identifica como o "epílogo" do PP na Xunta, un Goberno que ve "esgotado, sen proxecto, sen solucións".
Na súa intervención, Laxe reiterou as acusacións contra a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, á que atribuíu os escritos "anónimos" presentados no xulgado con denuncias contra José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno español, e a quen instou a pedir perdón. Candia sempre negou esas acusacións.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou onte que este partido "pesa máis" no Goberno estatal após os nomeamentos de José Miñóns, como ministro de Sanidade, e de Gómez Besteiro.