O PSdeG denuncia as "ameazas" de Diego Calvo ás vítimas de violencia machista

A deputada do PSdeG, Paloma Castro. (Foto: Nós Diario)

A deputada  socialista criticou que a Xunta "priorice a seguridade do presidente Rueda fronte á das mulleres ameazadas".

A portavoz de Igualdade do PSdeG no Parlamento, Paloma Castro, acusou esta sexta feira ao Goberno galego de “traspasar unha fronteira institucional e ética que nunca se debería cruzar” ao persistir nas declaracións do conselleiro Diego Calvo sobre a posíbel retirada de 13 policías adscritos que dan cobertura a vítimas de violencia machista.

Castro lembrou que “42 mulleres foron asasinadas no Estado español este ano, dúas delas na Galiza, e máis de 6.000 galegas viven baixo seguimento policial”. “Neste contexto introducir unha mínima dúbida sobre a continuidade da protección é algo profundamente irresponsable e politicamente imperdoable”, sinalou.

A deputada subliñou os datos mostran a "gravidade da situación". “A Policía Adscrita ten hoxe máis de vinte axentes destinados a acompañar e protexer ao presidente Rueda en actos públicos e só 13 para salvagardar a vida de mulleres baixo ameaza real. Esa é a prioridade da Xunta. Non fai falta cualificativos: basta con ver as cifras", apuntou Castro.

Castro fixo fincapé en que Calvo non rectificou e, ao contrario, esta sexta feira reafirmou publicamente a súa posición, “non é unha frase desafortunada, nin un mal día. Non é unha confusión. É unha decisión política asumida e defendida. E é unha decisión que afecta directamente á seguridade das vítimas e da que terá que dar tamén explicacións o presidente Rueda, como pediu onte o noso voceiro”.

A deputada  advertiu que esta actitude “coloca a Xunta nun terreo que un goberno responsábel non debería pisar nunca, o da utilización de mulleres en risco como elemento de presión partidaria”. E engadiu que "cando o que está en xogo son vidas, non hai marxe para tácticas políticas”.

“O presidente ten que decidir se garante de forma inequívoca a protección das vítimas ou se as converte nunha variable dunha negociación política. Non hai termo medio. Con esto non se xoga, como dixo esta quinta feira Besteiro”, reclamou a socialista.

Paloma Castro solicitou a comparecencia "urxente" de Diego Calvo no Pleno do Parlamento, para que “explique sen evasivas cal é a postura real do Goberno galego e cales son as garantías efectivas para as mulleres nesta situación”.

“A mensaxe institucional debe ser clara porque na Galiza, as mulleres en risco deben de estar protexidas sen condicións, sen ameazas e sen cálculos políticos. Calquera outra postura é inaceptábel”, asegurou.