Parlamento

A Xunta subvenciona con fondos para mulleres vulnerábeis tres asociacións antiabortistas

A socialista Noa Díaz, esta quinta feira, no Parlamento galego. (Foto: PSdeG)
A deputada do PSdeG Noa Díaz sinalou no Parlamento que isto supón un "incumprimento" da normativa galega en materia de igualdade.

A portavoz de Igualdade do grupo socialista no Parlamento da Galiza, Noa Díaz, afeou esta quinta feira na Cámara que tres asociacións antiabortistas e evanxelizadoras estean a recibir axudas destinadas a entidades de iniciativa social que traballan con mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Díaz precisou que as achegas públicas concedidas a estas entidades supoñen "10% do total da subvención". Esta concesión por parte da Administración galega, dixo, "incumpre a normativa en materia de igualdade".

Ao mesmo tempo, a parlamentaria do PSdeG alertou da "falla de perspectiva de xénero nestas axudas", e presentou na Comisión de Política Social unha iniciativa que reclama á Xunta "que cumpra a normativa galega no ámbito da igualdade e a estatal sobre saúde sexual e reprodutiva". A iniciativa, que o PP rexeitou, requiría un informe da secretaría xeral de Igualdade sobre a perspectiva de xénero nestas convocatorias.

"Parte das subvencións vai para entidades que traballan ferreamente contravindo a Lei de saúde sexual e reprodutiva, son asociacións pro vida que reciben cada ano estas subvencións da Xunta", cuestionou, e explicitou que "basean os seus proxectos de acompañamento a mulleres xestantes ou a nais en situación de vulnerabilidade en argumentos antiabortistas que en absoluto teñen base científica".

Unha das asociacións beneficiarias, engadiu Noa Díaz, alén dun "marcado carácter antiabortista" dispón entre os seus obxectivos "a evanxelización dos nenos e nenas recén nados", se ben este aspecto, dixo, "é omitido do programa que presenta ás axudas".

Aliás, criticou que a Xunta "busque argumentos para favorecer que asociacións pro vida leven boa parte das subvencións logo de desmantelar os centros Quérote, amosarse contraria a ofrecer educación sexual nas escolas e sacar peito coa familia mais fuxindo dos novos modelos de familia".

"Só lles interese a familia tradicional, perpetuando a idea de que a existencia das mulleres case vén xustificada polo noso poder enxendrador", censurou na súa intervención a deputada socialista.