O PSdeG acusa a Xunta de "volver atrasar" a aprobación do Pladiga
"Cada día que pasa abócanos a unha nova catástrofe", afirma a deputada socialista Carmen Rodríguez.
A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou esta segunda feira que a Xunta da Galiza incumpre "un ano máis" a obriga legal de aprobar e publicar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) antes do 31 de outubro.
Segundo a deputada socialista, o "desleixo" do Goberno galego á hora de tomar medidas preventivas contra os lumes forestais demostra que "non teñen aprendido nada" logo da maior vaga de fogos rexistrada en décadas na Galiza. Ademais, criticou a "falta de xestión e de medidas" desde a Consellaría do Medio Rural, a quen atribúe unha "xestión irresponsábel e perigosa da política forestal".
A deputada exixiu ao Goberno galego que "atenda" o persoal experto, os grupos parlamentarios e a experiencia dos fogos de nova xeración, cuxa "única medida realmente eficaz é evitar que se produzan". Rodríguez Dacosta lembrou que desde 2022 os territorios están obrigados a aprobar e publicar os plans anuais de prevención, vixilancia e extinción antes do 31 de outubro do ano anterior, unha obriga que a Xunta vén incumprindo de forma reiterada, dificultando toda a "planificación operativa".
A parlamentaria socialista asegurou que a Xunta "persiste no erro" e advertiu de que "cada día que pasa sen presentar as medidas preventivas para o próximo verán aboca un pouco máis Galiza a repetir unha catástrofe forestal derivada da neglixencia duns responsábeis de Medio Rural que non están á altura da responsabilidade que teñen entre as mans". A falta de publicación do Pladiga na data que corresponde, salientou, "provoca atrasos na contratación, debilita a coordinación interadministrativa, impide á cidadanía coñecer as medidas aplicadas e dificulta a planificación operativa de todo o sistema".