O PSdeG acusa á Xunta de “boicotear” a aplicación Lei da dependencia na Galiza

A deputada socialista, Silvia Longueira, na Cámara galega. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG carga contra as políticas da Xunta da Galiza en materia de dependencia e reclama alternativas para reducir as listas de agarda.

A deputada socialista, Silvia Longueira, acusou este domingo ao PP de “facer unha pantalla de fume” ao culpar ao Goberno do Estado e aos concellos das dificultades no acceso á dependencia "mentres entorpece o cumprimento do dereito".

Silvia Longueira acusou á Consellaría de Política Social e Igualdade de “boicotear” a Lei da dependencia na Galiza, situando ao país á cola do Estado en investimento nesa materia.

A denuncia da parlamentaria do PSdeG chega tras coñecerse unha informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais que sinala que Galiza é a antepenúltima comunidade do Estado que menos inviste en dependencia.

O relatorio dos profesionais do sector desvela que o Goberno galego é o Executivo de todo o Estado que menos inviste por persoa potencialmente dependente en liña co acontecido nas últimas anualidades.

Galiza é a cuarta autonomía do Estado español co maior tempo medio de espera para unha valoración da dependencia, con 361 días de agarda. Todo isto a pesar de terse reducido o número de persoas que se atopan nesta situación de espera, ao reducírense a 2.034 a día 30 de xuño, a maior caída a nivel estatal.

A parlamentaria do PSdeG denunciou que a Xunta "está a escatimarlles información aos galegos que poderían recibir estas axudas nunha estratexia miserábel de xogar cos dereitos dos galegos e das galegas" para evitar asumir a Administración o pago destas axudas.

"Escusas de mal pagador"

Longueira acusou ao Goberno galego de "dar escusas de mal pagador" e demandoulle una maior investimento en materia de dependencia" Neste sentido, urxiuno a que “poña o pé no acelerador” e incorpore o dereito a dependencia no Plan Estratéxico de Servizos Sociais.