O presidente da Deputación de Pontevedra desenténdese do xenocidio en Palestina e mantén o seu apoio á Volta

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. (Foto: Deputación de Pontevedra)
O BNG expresou o seu apoio ás convocatorias realizadas "para visibilizar a solidariedade co pobo palestino e denunciar o xenocidio e a limpeza étnica que está a levar a cabo o Estado sionista de Israel".

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou que, en relación ás protestas propalestinas convocadas durante os percorridos da Volta ciclista a España, se alguén quere "manchar o nome" das Rías Baixas, co ocorrido en Euskadi espera que "se lle pasasen todas as dúbidas".

Así o apuntou esta sexta feira en declaracións aos medios, á vez que asegurou que "todas as protestas son lexítimas", mais o o que "non é lexítimo" é "pór en risco" a seguridade e a vida de deportistas. Durante as diferentes etapas desta proba deportiva pola Galiza, a organización Galiza por Palestina chamou a repetir as protestas baixo o lema 'Israel fóra da Volta. Non ao apartheid. Non ao xenocidio. Denuncia, boicot, mobilización!'.

O presidente da Deputación insistiu na "importancia da vida das persoas, neste caso, de ciclistas". "Sabedes do que falo, que ir nunha bici, pois, calquera pequeno imprevisto pode provocar un desenlace fatal", engadiu. López espera que neste "espectáculo fantástico" da Volta a "protagonista" sexa Pontevedra e que a cidadanía poida "gozar dos mellores ciclistas".

Apoio do BNG

Pola súa parte, o BNG expresou o seu apoio a estas convocatorias realizadas "para visibilizar a solidariedade co pobo palestino e denunciar o xenocidio e a limpeza étnica que está a levar a cabo o Estado sionista de Israel". Desde o BNG animan á cidadanía para participar nestes actos con bandeiras ou simboloxía palestina, "para mostrar ao mundo que o noso é un pobo pacífico, solidario e que condena a barbarie israelí".

A primeira das convocatorias terá lugar a segunda feira 8 de setembro ás 20 horas na praza da Peregrina e a segunda, a terza feira 9 de setembro, ao paso da Volta ciclista por Poio e Pontevedra, na que, "ademais de denunciar o xenocidio, exixirase a expulsión da competición do equipo Israel-Premier Tech". No caso da Volta ciclista os puntos de encontro son a rotonda da Ponte da Barca e a rotonda de Manuel de Palacio (12.15 horas) e cruzamento de Pierres, en Arcade (13 horas).