O PP cambia de postura e apoia as contas de Xácome
O pleno extraordinario decorrido esta cuarta feira no Concello de Ourense resultou ser de gran tensión. Finalmente, as ameazas veladas do alcalde Gonzalo Pérez Xácome (DO) durante días sobre unha moción de censura na Deputación de Ourense que deixaría o PP sen a Presidencia deron froitos.
Esta cuarta feira no pleno, as mesmas modificacións orzamentarias rexeitadas por todos os grupos o 30 de setembro (por importe de 20 millóns de euros) saíron adiante co voto a favor de Democracia Ourensá (DO) e coa abstención do PP, que mudou de postura.
As modificacións orzamenterias tiveron ademais o voto en contra do PSdeG e do BNG, que cualificaron de “vergoña política” o cambio de postura dos populares no pleno extraordinario “respecto do mesmo expediente de setembro”.
Xácome xustificou as modificacións de crédito nos “impostos baixísimos” do Concello de Ourense e anunciou que actualizarán as taxas nas vindeiras semanas. Dentro e fóra do pleno, o persoal municipal protestou de novo contra o rexedor, dentro portando carteis onde se podía ler “Traizón, PP grazas por nada”.