O PP tomba unha lei do BNG para "blindar" en 25% o orzamento de Sanidade para Atención Primaria
O PP tombou esta terza feira no Parlamento galego a toma en consideración dunha lei do BNG, que apoiaron tamén PSdeG e Democracia Ourensá, para "blindar" en 25% o orzamento da Consellaría de Sanidade dedicado a Atención Primaria.
Durante o pleno, a deputada do BNG Montse Prado referiuse aos datos do Ministerio de Sanidade e da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade, que sitúan a Galiza "á cola do Estado" en porcentaxe de gasto destinado a Primaria, arredor de 11,9%, só superando a Comunidade de Madrid. Neste contexto, a nacionalista afeou ao PP a súa "ideoloxía neoliberal" que "impón que a sanidade sexa un ben de consumo máis". Tal e como denunciou, os populares buscan trasladar que a pública é "un servizo desbordado" e "insuficiente" para que así os recursos se destinen a "engordar as empresas amigas". Isto, engadiu, afecta á saúde das persoas "con máis dificultades socioeconómicas".
A proposición de lei do BNG buscaba modificar a Lei de Saúde da Galiza de 2008 —aínda que sufriu varios cambios desde entón— para blindar esa porcentaxe de 25% como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), de maneira progresiva entre os anos 2025 e 2027.
A proposición de lei contou co voto a favor do PSdeG, que "leva anos advertindo" da falta de recursos no Sergas, aínda que "non se cingue só a Atención Primaria". Sobre este nivel asistencial, a deputada socialista Elena Espinosa sinalou que está o sistema "desbordado" e as súas listas de agarda "non son adecuadas" ao servizo que teñen que prestar. "Se podemos presumir de calidade na sanidade pública é grazas ao esforzo dos profesionais, non á xestión da Xunta", espetou a socialista. Aínda que apoiou a proposta nacionalista, apuntou que debería ir "máis aló" de modificar un "modelo de xestión".
Pola súa parte, o deputado do Grupo Mixto e representante de Democracia Ourensá, Armando Oxea, non interviu no debate mais votou a favor.
Gasto farmacéutico
Diante dos reproches da oposición, a deputada do PP Encarna Amigo acusou o BNG de "faltar á verdade", porque —argumentou, tamén con datos do Ministerio de Sanidade— o gasto en Primaria supera en 30% ao computar o investimento farmacéutico.
Con todo, na súa última intervención, Montse Prado advertiu que "non se pode computar" dentro da Atención Primaria o gasto farmacéutico, porque "en moitos casos" este procede da Hospitalaria.