O PP tenta impedir a comparecencia da irmá de Feixoo na comisión que investiga os contratos da Xunta

Comisión de investigación dos contratos da Xunta da Galiza, esta terza feira, no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
BNG e PSdeG citan representantes concretos das empresas concesionarias dos contratos, entre outras, Micaela Feixoo, directiva de Eulen. O PP quere deixar en mans das empresas a designación das persoas comparecentes.

PP, BNG e PSdeG non chegaron a acordo sobre o plan de traballo da comisión de contratos da Xunta que se votará na tarde desta sexta feira malia a reunión 'in extremis' convocada polos nacionalistas esta mesma mañá.

Este encontro, decorrido nunha sala do Pazo do Hórreo, finalizou sen cambios, coas posicións practicamente igual de afastadas. Populares e nacionalistas acúsanse mutuamente de "vetos" e "mentiras", mentres que o PSdeG quere que á comisión acudan todos os nomes que hai en cada unha das propostas.

O principal atranco é o nome do actual presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e dos seus familiares, tal e como pide a oposición. O portavoz parlamentario dous populares, Alberto Pazos, insistiu en que non vetan "a ninguén", mais non avanzou caraun consenso alegando que non quere converter este órgano [o Parlamento] nun "circo". Neste sentido xustificou que Feixoo xa compareceu "moitas veces" na Cámara cando era presidente da Xunta para explicar os asuntos que serán obxecto desta investigación.

Si houbo algún achegamento en canto ás empresas concesionarias dos contratos. O BNG quere citar persoas concretas, como é o caso da irmá de Núñez Feixoo, Micaela Feixoo, directora de Eulen para o noroeste da península Ibérica. Porén, o PP avoga por que sexan as propias compañías as que designen quen acudirá ao Parlamento.

Os contactos continuarán nas próximas horas e non se descarta que a comisión, que comezará ás 16.30 horas coas intervencións dous grupos, se suspenda para negociar antes da votación do plan definitivo.