O PP elude o acordo na mesa da comisión de investigación e busca zafar Núñez Feixoo de declarar
A comisión parlamentaria para investigar o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro e a política de contratación da Xunta da Galiza durante a pandemia reúnese hoxe. Sobre a mesa debería ter un plan de traballo negociado pola mesa da comisión sobre comparecentes, calendario e funcionamento deste órgano. Mais a mesa non elaborou tal plan negociado senón que, segundo o BNG, houbo polo PP unha "imposición" do seu plan.
A mesa da comisión de investigación—integrada por dúas representantes do PP (presidenta e vicepresidenta) e un do BNG (secretario)— reuniuse esta quinta feira. Na orde do día, dous puntos: examinar as propostas de plan de traballo presentadas polas forzas políticas (PP, BNG e PSdeG) para esta comisión e elaborar un plan de traballo negociado para presentar ao 'pleno' da comisión, que se reúne hoxe en convocatoria de urxencia solicitada polo PP. E o segundo punto, denuncia Luís Bará, representante nacionalista na mesa da comisión, non se cumpriu. "Eles [o PP] limitáronse a dicir que van levar á comisión o seu plan de traballo", sinala en declaracións a Nós Diario. Non se aceptou, explica o secretario da mesa, un diálogo para elaborar un plan de traballo que incluíse achegas das propostas de nacionalistas e socialistas.
"Non queren que comparezan ante a comisión Alberto Núñez Feixoo, nin ninguén de Eulen, nin o compañeiro de Díaz Ayuso nin representantes de empresas beneficiadas de contratos de emerxencia", sostén Bará. A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, acusou na de ser eles quen "tenta frear" a comisión de investigación
O BNG presentara na mañá desta quinta, antes da reunión da mesa, unha proposta de "diálogo" para facer un plan de traballo con 70 comparecencias e propuña que 50 se escollan segundo a representación dos grupos, así como que ningún grupo poidese vetar as solicitudes de comparecentes. De chegar á reunión das 16:30 de hoxe sen acordo sobre un plan de traballo, esta será a proposta que os nacionalistas poñan sobre a mesa.
"Reunión urxente"
Finalizada a reunión da mesa, o BNG remitiu un escrito a todos os grupos con representación na Cámara para convocalos "de maneira urxente a unha reunión hoxe" pola mañá, "co obxectivo de esgotar todas as vías de diálogo e intentar chegar a un acordo sobre o plan de traballo da comisión".
Finalmente, PP, BNG e PSdeG manterán unha reunión na mañá de hoxe para intentar negociar o plan de traballo da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta que se votará pola tarde.
Fontes do PP e do PSdeG confirman a Europa Press que acudirán a esa cita, mentres que o deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, non poderá por ter pleno municipal no Concello de Ourense.
O PP ten maioría na comisión. De non haber un plan de traballo dialogado entre as diferentes forzas, todo apunta a que o que se aprobe polo órgano de investigación sexa o rexistrado polo PP, que inclúe 39 comparecencias, entre elas a do actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, así como a de cargos como o ex ministro de Sanidade e actual presidente catalán, Salvador Illa, e conselleiros de Sanidade desde o bipartito de PSdeG e BNG que dirixiu a Xunta entre 2005 e 2009. Mais non Núnez Feixoo nin as empresas beneficiadas de contratos na pandemia.