O PP presenta unha moción de censura en Fisterra co apoio dun edil de Alternativa dos Veciños
Os e as cinco edís do PP en Fisterra, conxuntamente co concelleiro Francisco Martínez Traba (expulsado do actual Executivo local), presentaron esta segunda feira unha moción de censura contra a alcaldesa, Áurea Domínguez, de Alternativa dos Veciños, quen goberna con dous de once concelleiros e concelleiras. O pleno decorrerá o vindeiro 19 de agosto e arrincará ás 12 horas, tal e como marca a lei.
A iniciativa permitirá, presumibelmente, ao popular Luis Insua tomar o bastón de mando nesta localidade da Costa da Morte este mesmo mes. A propia alcaldesa confirmou nas súas redes sociais que se presentou a moción de censura e que o pleno para a súa aprobación queda convocado para as 12 horas do décimo día hábil seguinte ao desta segunda feira, polo que se debaterá o 19 de agosto ao mediodía.
Na localidade de Fisterra esperábase o paso, tras os conflitos internos no seo do grupo de Goberno no marco dos que a rexedora expulsou Martínez Traba, que continuaba no grupo municipal da alcaldesa. Alén de PP e Alternativa dos Veciños, completan a Corporación dous edís do PSOE e un do BNG.
Até hai unhas semanas, un concelleiro que pertencese ao mesmo grupo político dun alcalde ou alcaldesa non podía ser o voto decisivo para sacar adiante unha moción de censura na súa contra, mais isto cambiou coa sentenza xudicial do Tribunal Constitucional que elimina o veto á posibilidade de sustentar unha iniciativa deste tipo coas condicións que se dan no municipio de Fisterra.
En concreto, o pasado mes de xuño, o Constitucional eliminou da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Lorex) un apartado que permitía impedir unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga que se presentara na mesma listaxe que o rexedor ou rexedora.
Aínda que até este mes só se rexistraron na Galiza cinco mocións de censura en dous anos, dúas delas nunha mesma localidade, O Irixo (comarca do Carballiño), e as tres restantes en Muxía (comarca de Fisterra), Outes (comarca de Noia) e Viveiro (A Mariña), tras a decisión do Constitucional que facilita este procedemento presentáronse outras tres mocións nun mes.
Así, a mediados de xuño, o PP rexistrou unha no municipio de Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes) co apoio dun ex edil do PSOE, agora non adscrito, para arrebatar a Alcaldía á socialista Verónica Pichel. A popular Belén Cachafeiro fíxose coa Alcaldía nun pleno que tivo lugar o pasado 31 de xullo grazas ao apoio do ex socialista Rafael Fiestras. Os municipios de Noia e Touro (comarca de Arzúa) serán tamén a próxima semana escenario de senllas mocións de censura, a primeira liderada polo PSdeG e a segunda polo PP.