José Luís Ferro, deputado do PP: "Non tiña constancia de que houbese mortes na illa de San Simón"

Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior decorrida esta cuarta feira no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
O PSdeG afirma que o PP "incumpre" a Lei de Memoria ao negarse a apoiar no Parlamento unha proposta para constituír o Consello da Memoria Democrática da Galiza.

A deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro criticou esta cuarta feira que o PP “abrazara” na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interioras as “teses do negacionismo franquista” ao negar que a illa de San Simón fora un campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943. Castro lamentou as afirmacións do deputado do PP José Luís Ferro Igrexas, que fixo estas afirmacións no debate dunha iniciativa socialista para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática da Galiza.

Na súa intervención, Ferro asegurou que o Goberno galego "non tiña constancia desta iniciativa" nin de que "houbese mortes na illa salvo abusos do seu director naquel momento".

A deputada socialista acusou o PP de actuar tamén na Galiza como “cómplice necesario da ultradereita” no seu “ataque indiscriminado contra os valores democráticos e a convivencia política”, chegando a situarse en contra dunha verdade histórica, como é o uso da illa de San Simón como campo de concentración polo franquismo.

Criticou a interpretación “parcial, sesgada e selectiva da historia” por parte dos deputados e deputadas do PP, que logo de que a vicepresidenta do Parlamento pedira no Pleno no pasado mes de decembro a retirada da alusión a Franco como ditador por parte da socialista Lara Méndez, esta cuarta feira “negan a represión franquista”. Criticou as “continuas incongruencias e inexactitudes” deliberadas que os levaron a negar que houbera fusilamentos no enclave de San Simón.

A intervención tivo lugar logo da alusión de Castro ao anuncio por parte do Goberno español da declaración da illa de San Simón e o Pazo de Meirás como Lugares de Memoria Democrática. Explicou que a illa situada na ría de Vigo constitúe un “lugar de necesario recoñecemento para a reparación da memoria das persoas -e as súas familias- encerradas inxustamente no enclave, no que foron sometidas a tortura e trato inhumano”.

Aludiu así ao seu uso como campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943 mentres sinalou que o Pazo de Meirás “representa a expropiación a un pobo e o autoritarismo, onde se tomaron decisións durante as temporadas nas que residía alí o ditador” que, logo da súa apropiación a través dunha colecta forzosa en 1938, decidiu fixar nel a súa residencia estival.

Paloma Castro lembrou que o Estado recuperou a propiedade do inmóbel no ano 2020, logo de anos de loita veciñal e do movemento memorialista.

Iniciativa socialista

Castro fixo esta intervención durante o debate dunha proposición non de Lei na primeira Comisión do ano no Parlamento para pedirlle á Xunta da Galiza a creación do Consello da Memoria Democrática da Galiza, seguindo a Lei de Memoria aprobada en outubro de 2022, e que foi rexeitada polo PP.

Castro acusou o PP galego de “boicotear o cumprimento da Lei e deixar Galiza á marxe das recomendacións do Consello de Europa” para fomentar o coñecemento das etapas democráticas da historia e manter a memoria das vítimas do golpe militar, a guerra civil e a ditadura franquista. Lamentou que sexa precisamente o partido do Goberno o que “está a impedir o consenso dos partidos que defendemos vivir en liberdade e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas”.

A socialista acusou ao PP de “alimentar” a ultradereita que “ao seu paso arrasa todos os avances alcanzados en democracia, que impón a súa moral e non respecta ao diferente”, e advertiu do risco certo de que no proceso “sexan devorados por ela”. Considera “imprescindíbel” que os poderes públicos, a través das administracións estatal, autonómica e local “leven a cabo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e o fomento da memoria democrática”.

Paloma Castro explicou que o Consello da Memoria terá a función de garantir a participación dos axentes sociais nas políticas de recuperación da memoria e apoio aos descendentes das vítimas, propondo medidas de axuda e apoio ás entidades implicadas. Tamén poderá emitir un informe sobre propostas de inscrición no Inventario de Lugares de Memoria Democrática, así como informar das solicitudes para a localización e exhumación de vítimas e a creación dun censo de vítimas.

Criticou a “incoherencia” do PP ao oporse á creación deste órgano a nivel autonómico cando concellos como Pontedeume (Eume), Narón (Ferrolterra), A Coruña, Neda (Ferrolterra) ou Ferrol, algún deles presidido por este mesmo partido, están a constituír os consellos de memoria recoñecidos pola lei. Instou a constituír este Consello como un órgano “colexiado, permanente, de participación e de carácter técnico e consultivo, con representación plural adscrito á Consellaría da Presidencia”.