O PP impide a declaración de Monte Pindo como zona catastrófica

Incendio no Monte Pindo

Os votos populares no Parlamento impiden elaborar un plan urxente de restauración ambiental con dotación económica para ese área. Tamén rexeita o PP  iniciar os trámites para a declaración de Parque Natural do Monte Pindo.

O Monte Pindo ficou arrasado o pasado 11 de setembro. Un xigantesco incendio queimou máis de 2.000 hectáreas (monte, labradíos, hortas, paraxes de gran valor ambiental, proximidade de zonas habitadas...) deste emblemático punto de Carnota e Galiza. Mais para o PP, sendo iso lamentábel, non é motivo para declarar Monte Pindo 'zona catastrófica' e sentar as bases para a súa recuperación, tal e como solicitaba o BNG a través dunha proposición on de lei.

Ana Pontón, parlamentar nacionalista, acusou ao Partido Popular de emitir “un voto vergonzoso” e impedir que as persoas afectadas polo incendio poidan recibir axudas, e acusou ao PP de “darlle vostedes as costas aos veciños e veciñas de Carnota”.

A fronte nacionalista mantivo na súa intervención que a Xunta pode  activar fondos destinados a paliar os danos nos lugares onde se produciu o incendio e poñer en marcha  un plan de recuperación . “Mais o PP nega esa posibilidade votando en contra destas propostas así como da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo” porque  “non están a favor das políticas de conservación” .

O pailanismo cúrase viaxando

Ana Pontón animou ao PP a “viaxar un pouco máis” para comprobar que existen espazos no mundo cun valor “moi inferior ao Monte Pindo” que son elementos de riqueza importantísimos pero o Partido popular, inquiriu , “ prefire que o Monte Pindo siga esquecido” e non dotar de medidas unha zona que padece con crueza as consecuencias da emigración, a falta de emprego e a destrución de emprego no mar.