O PP galego xustifica o 'non' do seu partido ao decreto ómnibus: "Incluía protexer okupas"
A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, xustificou o rexeitamento do seu partido no Congreso ao decreto ómnibus que, entre outras cuestións, incluía a revalorización das pensións e as axudas ao transporte, e advertiu que os populares non están dispostos a aceptar "o trágala" do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. "Se necesita apoio, o que ten que facer é pedilo e negocialo", retou.
En rolda de prensa, esta quinta feira, Prado acusou o Goberno do Estado de tentar "enganar a todo o mundo" co impulso dun decreto, contra o que votaron PP e Junts, que "incluía a subida de impostos, do IVE dos alimentos e da factura da luz". "Tamén votamos en contra de seguir protexendo os okupas e do recorte do financiamento das comunidades en materias tan importantes como a sanidade, educación e a dependencia. Por non falar do agasallo dun palacete ao PNV", apostilou.
A continuación, defendeu que "un Goberno está para gobernar e non simplemente para residir na Moncloa". "Se o Goberno non ten apoio, pois, como dicía Pedro Sánchez, se quere axuda, que a pida. Se non ten apoio para unhas determinadas medidas, o que ten que facer é pedir apoio, dialogalo e negocialo. O que non pode ser é un trágala", recalcou.
En fronte, garantiu que hai medidas que, se se votasen por separado terán o apoio dos populares e agregou que Sánchez "aínda está a tempo" de articular decretos específicos para cuestións como a revalorización das pensións.
Despois de salientar que, en sete anos á fronte do Goberno estatal, "só foi capaz de aprobar tres anos presupostos", agregou que o que ten que facer o presidente estatal é "buscar apoio", dado que está "en minoría". Tamén incidiu no "prexuízo" que supón que non se aproben os orzamentos, antes de subliñar que, neste 2025, "están a prorrogarse os orzamentos máis antidemocráticos que pode haber, aprobados por un Congreso da pasada lexislatura, por unhas forzas políticas que non son as que están hoxe".
Culpa á oposición
Prado advertiu que Sánchez "non pode botar a culpa á oposición" da "incompetencia" do seu Executivo, e insistiu en que os populares continuarán aprobando "todo" o que lles pareza "razoable para os cidadáns".
Tamén salientou que o PP non está disposto a aceptar "chantaxes". "Sánchez ten a oportunidade de sacar adiante o decreto das pensións ou do transporte co apoio do PP se os saca por separado. En 15 días poden estar listos, o único que hai que ter é vontade política. Se necesita axuda, como diría Sánchez, que a pida", insistiu, após avisar de que "un Goberno débil non pode ser tan soberbio".
"Enfado" do PNV
Sobre as duras críticas que o PNV dirixiu ao portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, despois de que este tachase os nacionalistas de "aprovechateguis" e criticase a cesión á súa formación do palacete de París hoxe sede do Instituto Cervantes, Prado suxeriu que estaría "frustrado".
"Supoño que estaría frustrado porque non saíu adiante un decreto no que lle regalaban un palacete que está alugado ao Instituto Cervantes por un millón de euros. Iso é o que esconde o enfado do PNV, que non puido saírse coa súa", remarcou. "Non imos apoiar en ningún caso medidas de protección de okupas, que xa foron os grandes protexidos do Goberno de España estes últimos anos, nin subidas de impostos ou que se lle regale un palacete ao PNV, por moito que lle moleste", resolveu.
Desprotección das familias vulnerábeis
O que o PP describe como protección aos okupas, no marco do decreto ómnibus, referíase na norma rexeitada tamén cos votos en contra de Vox e Junts á protección das familias en situación de vulnerabilidade con sentenzas xudiciais firmes, que xa non ese verán favorecidas contra o desaloxo, ao igual quen habitaba vivendas de grandes propitarios sen título legal.