O PP tomba a suba das pensións a 692.000 galegas e galegos e as axudas ao transporte
PSOE e populares sacan adiante no Congreso a reforma da xubilación
Xornada convulsa no Congreso dos deputados. En pouco máis de catro horas diferentes combinacións da aritmética parlamentaria anulaban a suba das pensións, deixaban sen efecto a partir de hoxe as bonificacións ao transporte público, botaban por terra o imposto ás grandes enerxéticas ou propiciaban que saíse adiante unha reforma da xubilación que incentiva seguir traballando —incluso até os 72 anos— unha vez superada a idade de se xubilar. Todo iso, como é habitual na 'villa y corte', entre discursos que auguraban con estas votacións o punto e final da presente lexislatura até acusacións de "traición"á cidadanía. A sesión plenaria comezou con incerteza.
Principiaba o debate para validar o decreto 'ómnibus' —case 100 medidas, entre elas o incremento de pensións e as axudas ao transporte ou para a DINA en Valencia— sen saber se o PP se ía abster e que faría Junts per Catalunya. Eran as cartas que faltaban por coñecer e das que dependía que se validasen estas medidas ou non. A incógnita aclarouse axiña. Junts dixo que non daba máis "creto" ao Goberno español e o PP anunciou que votaría en contra, escudándose simplemente nun dos asuntos incluídos nese decreto 'ómnibus': a cesión ao PNV do palacete en París, actual sede do Instituto Cervantes, incautado polos franquistas e que era propiedade do Goberno vasco.
Unha decisión que conxela a suba de 2,8% das pensións aprobada esta terza feira no Consello de Ministros, incremento que sería de 8% no caso das non contributivas. As pensións subirán esas porcentaxes en xaneiro, mais en febreiro recortaranse após decaer o decreto no Congreso. Na Galiza hai ao redor de 692.000 pensionistas, dos cales 36.000 cobran a non contributiva. Ademais, todos os descontos do transporte público, que foron inicialmente prorrogados para o primeiros seis meses do ano, deixarán de aplicarse hoxe, 23 de xaneiro. A venda dos títulos gratuítos de Renfe e de autobuses estatais queda desta forma conxelada, ao non recibir a medida a validación do Congreso. Quen xa ten os bonos e abonos adquiridos poderán utilizalos ao ser "dereitos adquiridos", explican desde Transportes.
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, defendeu desde a tribuna do Congreso a "extraordinaria e urxente" necesidade das medidas incluídas no decreto. Juan Bravo (PP) cualificou o decreto de "chantaxe". Néstor Rego (BNG) defendeu o apoio a este decreto malia considerar "insuficientes" os incrementos nas pensións e lamentar que as medidas para situacións de vulnerabilidade "fiquen curtas". Nunha liña similar manifestáronse ERC ou EH Bildu.
Enerxéticas
O segundo decreto sometido estac uarta feira a validación do Congreso —o gravame ás enerxéticas ao que o PSOE se comprometeu con BNG, EH Bildu e ERC— tampouco saíu adiante, se ben desta volta xa se coñecía o resultado de antemán. A vicepresidenta, María Jesús Montero, defendeu o decreto e lamentou a falta de consenso sobre esta imposto. Jaime Olano (PP) acusou o Goberno de "soberbio" por traer ás Cortes un decreto que "non ten apoio" abondo para ser aprobado. Pola súa parte, Manuel Lago (Sumar) negou que, "como din as dereitas", este imposto poña en perigo investimentos e industrias. Néstor Rego (BNG) preguntouse "para quen se lexisla, para as grandes empresas ou para as maiorías sociais?" e avogou por facer permanente un imposto que tiña carácter temporal.
Reforma
O único decreto aprobado esta cuarta polo Congreso foi o da reforma das pensións de xubilación. Aquí PP, PSOE, Sumar e PNV votaron xuntos. En contra, non só BNG, ou EH Bildu e Podemos, tamén optou polo non Junts. A ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, dixo que as modificacións que se introducen son "un paso adiante para un sistema de pensións máis xusto e avanzado", no que concordou José Vicente Marí (PP).
Rego (BNG) cualificou de "regresiva" a reforma, pois "empeora a vida dos traballadores e traballadoras" ao incentivar "traballar máis alá da idade de xubilación" e ao elaborarse nun proceso que "excluíu" os sindicatos soberanistas con condición de máis representativos nos seus territorios, como son CIG, ELA e LAB.