O PP faise coa Alcaldía de Carral cunha moción de censura apoiada por dous edís tránsfugas

José Luís Fernández Mouriño, alcalde de Carral. (Foto: Nós Diario)

Os asinantes alegaron falta de diálogo, a aprobación do orzamento pendente ou "dificultades" na xestión, argumentos recibidos con berros de "mentira" e "fóra" por parte dos asistentes.

O popular José Luís Fernández Mouriño é desde esta cuarta feira o novo alcalde de Carral (comarca da Coruña) —cargo que ostentou entre 2003 e 2019— tras prosperar a moción de censura que os cinco edís do grupo municipal do PP presentaron co apoio de dous concelleiros tránsfugas, ex edís do Goberno local e ex membros de Alternativa dos Veciños (AV), formación á que pertence o até hoxe rexedor Javier Xestal.

Foi nun pleno decorrido nun pavillón do municipio con varios centos de persoas como público e con presenza de representantes de AV, entre eles o seu presidente, Ángel García Seoane.

Na lectura da moción, os asinantes alegaron falta de diálogo, a aprobación do orzamento pendente ou "dificultades" na xestión, argumentos recibidos con berros de "mentira" e "fóra" por parte dos asistentes. Ademais, os presentes increparon a encargada de ler estes argumentos, a concelleira non adscrita Mercedes Caridade, co cualificativo de "tránsfuga".

Cruzamento de reproches

Na súa intervención, Fernández Mouriño manifestou que presentan esta iniciativa "pensando no que é mellor para o pobo tras a ruptura do grupo de investidura e sen un goberno estábel". "Representamos a vontade popular da maioría de Carral", aseverou para rexeitar que sexa "un golpe á democracia". Isto nunha defensa do texto na que asegurou que "non hai proxecto". Fronte a iso, comprometeu un goberno "que se deixe a pel".

Pola súa banda, o xa ex rexedor, Javier Xestal, afirmou —despois de que a proposta saíse adiante por sete votos nunha corporación municipal integrada por 13 edís— que hoxe é "un día triste porque se presenta unha moción en contra dos veciños e por intereses particulares de quen quería ser alcalde antes de tempo".

"Como xa fixo hai 16 anos", sentenciou para defender a xestión de AV e acusar Fernández Mouriño de converter o municipio "no seu centro de negocios" durante o seu mandato sen ter aprobado o Plan Xeral de Ordenación Urbana, demanda feita agora na devandita proposición.

Argumentos dos tránsfugas

Durante a súa intervención, o edil non adscrito Francisco Vello defendeu que apoian a moción para traballar para o municipio e denunciou insultos por parte de membros de AV e o seu presidente.

"Metémonos nisto por e para vós", en referencia a el e Mercedes Caridade nun discurso con críticas á xestión de Xestal e con resposta de novo por parte do público de "fóra".

Á súa vez, a concelleira do PSOE, Patricia Branco, votou en contra. Na súa quenda de palabra, defendeu que foi a esquerda quen gañou as eleccións en 2023, aínda que criticou as políticas "austericidas" do até hoxe Goberno local. Sobre o texto, dixo que "non respecta a vontade do pobo" e emprazou a Fernández Mouriño a non repetir as súas políticas de anteriores mandatos.

Desde AV, o seu portavoz, Rocío Rabuñal, tachou de "tránsfugas" os edís non adscritos e asegurou que a moción é "por ansia de poder".

Protestas

Á entrada do pavillón había un cartel de AV no que se podía ler 'Grazas Javier, equipo, Carral está convosco'. Tamén nas inmediacións, unha ducia de persoas levaban pancartas nas que se podía ler 'A moción é deles, o pobo quere a Javier', 'Un alcalde honesto vale máis que mil pactos' ou 'Se o voto é do pobo quen lles deu dereito a roubar', así como outras con críticas aos concelleiros non adscritos que apoian o Partido Popular.

Os presentes recibiron o portavoz do grupo municipal do PP entre cánticos de 'Javier é o noso alcalde', 'As urnas falaron' e o cualificativo de 'chourizo'. Así mesmo, un grupo de persoas deron a benvida a Xestal con aplausos.

Unha vez dentro, o público presente na celebración do pleno aplaudiu durante varios minutos ao ritmo de berros de 'Javier, Javier, Javier'.