PP e Compromiso presentan unha moción de censura na Baña contra o PSOE

Casa do Concello da Baña (Imaxe: Nós Diario)

Os contactos entre PP e Compromiso A Baña ameazaban a estabilidade do Goberno municipal nos últimos meses. Unha ameaza que virou en realidade na mañá da sexta feira, cando rexistraron a moción de censura que fará alcalde Andrés García Cardeso (PP).

O PP da Baña e Compromiso A Baña -ex militantes de Compromiso por Galicia- presentaron na mañá da sexta feira a moción de censura que converterá en rexedor Andrés García Cardeso, do PP.

A sesión plenaria na que se debaterá a moción de censura contra o alcalde do PSOE, Antonio Pereira, terá que decorrer en dez días hábiles.

Compromiso defende a moción debido aos “continuos desprezos á oposición” do alcalde, a quen acusa de “incapacidade para gobernar”.

A formación política, cuxa asemblea adoptou a decisión por unanimidade, advirte da “actitude autoritaria, déspota e antidemocrática” de Pereira e considera que mantelo á fronte do Concello sería “un acto de irresponsabilidade”.

Compromiso levou á Fiscalía contratacións do actual Goberno

A sospeita da moción de censura planeaba sobre o Concello da Baña desde, practicamente, o inicio do mandato de Pereira”.

Os concelleiros César Ramos e David Gontán, de Compromiso, acompañados dos xuristas Xoán Antón Pérez Lema e Borxa Colmenero Ferreiro, fixeron entrega na Fiscalía o 23 de setembro, de documentación recompilada sobre contratacións realizadas nos últimos dous anos no Concello da Baña.

Consideran que tiveron lugar contratacións presuntamente constitutivas de delitos de prevaricación administrativa.

A este respecto, a Valedora do Pobo xa reprobara o Executivo da Baña pola falta de cumprimento das obrigas de publicidade activa ou de oficio derivadas tanto da lei de contratos do sector público como das leis de transparencia.