O PP coloca un busto de Manuel Fraga na entrada do espazo do seu grupo no Parlamento
O PP da Galiza colocou un busto en homenaxe a Manuel Fraga, quen fora presidente fundador da formación, ministro durante a ditadura franquista e titular da Xunta da Galiza, falecido no ano 2012, na entrada do espazo reservado para o seu grupo no Parlamento galego. A 'inauguración' do busto tivo lugar esta cuarta feira, ao termo dunha votación na sesión plenaria da Cámara, e nela participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o portavoz parlamentario, Alberto Pazos; a viceportavoz e deputada Cristina Sanz, e a vilalbesa e presidenta da Fundación Fraga, Sandra Vázquez.
Os populares galegos queren con este xesto render homenaxe a Fraga logo de que o busto seu situado na alameda vilalbesa, fronte á súa casa natal, sufrise un ataque con pintura vermella. Ademais, o paso tamén se produce nun contexto marcado pola petición de retirada da efixie que está colocada no Senado, unha solicitude xa denegada pola Mesa da Cámara Alta —grazas aos votos do PP e do PSOE—.
O busto que colocaron os populares galegos no Pazo do Hórreo é do escultor Miguel Couto e está situado dentro do espazo do Grupo Popular, situado xusto na entrada habilitada a modo de recepción, e pode verse desde o corredor da Cámara que discorre xusto por diante.