O PP alerta das consecuencias do acordo da UE con Mercosur malia ser avalado por Von der Leyen, do Partido Popular Europeo
Os conselleiros e as conselleiras de Agricultura das autonomías do Estado español gobernadas polo PP exixiron este domingo ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a convocatoria "urxente" da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural para que informe do acordo de libre comercio entra a Unión Europea (UE) e Mercosur e o seu impacto no sector agrario.
Así o pediu a vicesecretaria de Desenvolvemento Sostíbel do PP a nivel estatal, Paloma Martín, nun escrito no que se propón como único punto a incluír na orde do día: garantir o tecido produtivo do sector agroalimentario fronte a este novo acordo comunitario UE-Mercosur.
Martín solicitou, ademais, un plan "extraordinario e inmediato" de control de fronteiras, con carácter previo á posta en marcha do novo convenio, para garantir que os produtos de terceiros Estados entran libres de pragas e cumprindo as exixencias da UE.
A popular considerou que algúns sectores como o do azucre, o do polo, o da carne de vacún, o do mel, o dos cítricos e o dos zumes poden verse prexudicados e exixiu que o acordo comercial garanta a seguridade alimentaria e, tamén, a flexibilización das políticas ambientais da UE que penalizan a competitividade das explotacións.
O PP, segundo Paloma Martín, solicitará reunirse tanto coas organizacións agrarias como coas asociacións sectoriais de produtos agroalimentarios para intercambiar información e coñecer de primeira man a súa valoración do acordo de UE-Mercosur. "Queremos recibir as súas propostas, valoralas e trasladalas tanto a Madrid como a Bruxelas", indicou.
A vicesecretaria considerou "inxusto" que se exixa aos agricultores e aos gandeiros unha produción sostíbel, sen medir as repercusións do Pacto Verde na competitividade do tecido agrario europeo, mentres se vai permitir a entrada de produtos doutros Estados onde non se aplican estándares de calidade e sostibilidade tan altos.
O acordo foi avalado por Von der Leyen, do Partido Popular Europeo
As críticas da popular chegan despois de que fose avalado pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que xogou un papel clave nas negociacións para poder chegar ao acordo do pasado mes de novembro. Neste sentido, a líder xermana é unha das principais figuras do Partido Popular Europeo, algo que non freou Martín para facer as súas consideracións ao respecto.
Así, a pesar de todo, a representante do PP español considerou "indispensábel" a aplicación de políticas da UE que vaian destinadas ao mantemento do tecido produtivo e á rendibilidade das explotacións agropecuarias. "O sector agroalimentario é prioritario e estratéxico e, por iso, exiximos a posta en marcha de plans que fortalezan a súa produtividade e a súa competitividade", concluíu Martín.