DEBATE SOBRE A UNIDADE

A posta en común pola confluencia conclúe sen acordos

Mesa de partidos [Foto: @xsubiela]

A xornada “Construíndo a Unidade” convocada pola Marea Galega recolleu a vontade a prol da unidade de Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida e Podemos, mais sen resolucións concretas.

Este sábado tivo lugar en Compostela a xornada “Construíndo a Unidade”. Máis unha iniciativa no amplo e diverso proceso que procura confluencias das que abrolle unha candidatura de unidade cara aos comicios xerais de decembro. O acto estivo convocado polo Encontro Cidadá pola Marea  Galega, unha das dúas grandes plataformas --canda Iniciativa pola Unión-- que nas últimas semanas se afanan en tecer espazos de encontro.

Na axenda de traballos da xornada o evento central foi a mesa de partidos. Oito forzas sentaron para dar cadansúa resposta a unha mesma pregunta: que pode achegar a miña organización ao proceso de construción da unidade popular? Tomaron a palabra Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida e Podemos. Iniciativa pola Unión ficou ausente por diferenzas previas arredor de cal debera ser a finalidade do encontro.

Malia existir unha coincidencia xeneralizada arredor da unidade son inda importantes as diferenzas

A posta en común visou o xa sabido. Que malia existir unha coincidencia xeneralizada arredor da necesidade de que Galiza articule unha candidatura unitaria de seu, son inda importantes as diferenzas que impiden, polo momento, concluír o proceso en marcha. Sen consenso continúan cuestións chaves arredor desa eventual candidatura. Como son a súa fórmula xurídica, a súa independencia --ou non-- de espazos estatais, se contará con grupo parlamentar propio ou que denominación e siglas figurarán na papeleta electoral.

Se a moderadora da mesa, e integrante da coordenadora de Marea.gal, Marilar Aleixandre se mostraba segura de que o proceso desembocará na unidade, a posta en común de onte non supuxo grandes avances no concreto. Para alén de permitir que oito forzas con perfís diferentes debatesen en público, diante das 400 persoas asistentes na Facultade de Ciencias da Comunicación, do debate non xurdiu ningunha resolución nin acordo. 

A sensación xeral coa que rematou o acto era a de que o tempo corre a présa e non semella que o proceso avance nin se concrete á mesma velocidade. Os vindeiros días serán fulcrais para ver en que se materializa, finalmente, ese apelo común á unidade. E en que termos.