O portavoz do PP di que denominar o masacre de Israel contra o pobo palestino en Gaza de xenocidio implica "banalizar" o termo

Alberto Pazos Couñago, portavoz do PP no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
"Para o portavoz do PP no Parlamento, Israel aínda non matou o suficiente para falar de xenocidio", denunciou o BNG sobre as palabras de Pazos.

O portavoz do PP no Parlamento da Galiza, Alberto Pazos, defendeu esta semana que denominar o masacre perpetrado por Israel contra o pobo palestino en Gaza de xenocidio implica "banalizar" este termo. Así o fixo durante unha intervención na que defendeu a recepción do Goberno galego ao máximo representante israelí no Estado español.

"Para o portavoz do PP no Parlamento, Israel aínda non matou o suficiente para falar de xenocidio", denunciou o BNG sobre as palabras de Pazos. Ademais, a formación nacionalista cualificou de "indigno" o acto de recepción por parte da Xunta da Galiza ao diplomático israelí no Estado español.

"A poboación en Gaza, desde que está alí asentado Israel, multiplicouse por 10", argumentou o portavoz popular, obviando o feito de que o incremento de poboación do enclave vén derivado do feito que a maioría da xente que alí vive é refuxiada doutros lugares da contorna dos que foi expulsada por culpa da ocupación israelí.

"Os xudeus europeos pasaron de ser 9,5 millóns en 1933 a 3,5 millóns despois da guerra", continuou o popular tentando facer un paralelismo co holocausto nazi para intentar botar por terra o argumento, defendido mesmo por representantes das Nacións Unidas (ONU), de que o que está a acontecer na Faixa de Gaza é un xenocidio.

"Simplemente lles recordo que o termo xenocidio inventouse para describir tal barbarie que vostedes se permiten banalizar", concluíu nunha apelación directa ao grupo nacionalista no Parlamento da Galiza, quen criticou con dureza a recepción realizada pola Xunta da Galiza ao máximo responsábel da Diplomacia israelí no Estado español.

"Respectando escrupulosamente"

O deputado popular defendeu ante o pleno do Parlamento galego a recepción ao representante da embaixada de Israel decorrida hai algunhas semanas, que levou a cabo "respectando escrupulosamente" o marcado polo Goberno español e o Ministerio de Exteriores, quen posúe as competencias neste ámbito, segundo manifestou Pazos.

Así defendía a postura popular ante unha proposición non de lei presentada pola deputada nacionalista Iria Taibo, que considerou esta recepción ao diplomático de Israel "un xesto simbólico de apoio totalmente innecesario, indigno e inxusto", que non representa á totalidade das institucións galegas. Pensan, engadiu, "que as institucións son súas", razón pola cal, apuntou, Alfonso Rueda "non considera que teña que cesar a un conselleiro acusado de agresión sexual".

Na mesma liña se expresou a socialista Paloma Castro, que censurou con vehemencia a presenza da vicepresidenta do Parlamento galego, Elena Candia, na recepción. Considera que se vulnera así a separación funcional e de competencias, así como a neutralidade e transparencia da Cámara galega. "Supón un uso unilateral e politizado do Parlamento", manifestou a deputada.