As portas xiratorias seguen a funcionar para o PP galego

[Imaxe: Xunta]

As portas xiratorias son un dos asuntos máis escabrosos da política. A falta de regulación permite que políticas e políticos sentados nun despacho público pasen a dirixir empresas, facendo negocios mesmo en sectores que dependen moito das decisión gobernamentais.

Até 58 ex altos cargos políticos españois traballaban para compañías que cotizan no IBEX 35. Felipe González, Villar Mir, Josep Piqué son algúns dos nomes máis coñecidos. Galiza non é unha excepción.

 

O caso máis relevante no país é o de José Antonio Carlos Del Álamo Jiménez, director xeral de Montes entre 1990 e 1996 e conselleiro de Medio Ambiente entre 1997 e 2003. A oposición enarbora regularmente o seu asento no Consello de Administración de ENCE Energía y Celulosa -onde comparte despacho con outros cargos conservadores como a exministra de Medio Abiente Isabel Tocino e o exsecretario de Estado de Augas Pascual Fernández- ao denunciar o trato de favor do PP á industria instalada na concesión pública de Lourizán.

 

Con todo, o ex-gobernante ten outros moitos intereses empresariais na Galiza e non tan coñecidos. Negocios que ademais se benefician de adxudicacións de contratos por parte de administracións públicas. 

 

Así, por exemplo, Del Álamo é vicepresidente de Técnica y Proyectos SA (TYPSA). Esta consultora madrileña acaba de co-realizar parte da reforma da ponte de Rande, en concreto o deseño da ampliación, mediante un orzamento de 37 millóns do total dos 93 que custou a obra. TYPSA fixo esta obra a través da súa filial MC2 Estudio de Ingeniería, que controla ao 100%.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 281, á venda na loxa e nos quiosques]