Pontón urxe a reacción internacional para que a axuda de UNRWA chegue a Palestina

Carme da Silva, Ana Pontón e Raquel Martín. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG reclamou a reacción da comunidade internacional tras entrevistarse esta quinta feira en Madrid coa directora executiva do comité español de UNRWA, a axencia da ONU para a poboación refuxiada de Palestina, Raquel Martín.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu desde Madrid a reacción da comunidade internacional para que a axuda humanitaria de UNRWA chegue a Palestina e “para pór fin a un xenocidio que se leva por diante demasiadas vidas”.

Realizou esta petición despois de entrevistarse coa directora executiva do comité español de UNRWA, a axencia da ONU para a poboación refuxiada de Palestina, Raquel Martín. Esta organización viu suspendida a súa actividade en Israel e nos territorios palestinos ocupados polo Parlamento israelí a través de dúas leis que cancelan o acordo de cooperación de 1967. 

“Estase enterrando o dereito internacional”, afirmou  Pontón sobre o xenocidio de Israel cara ao pobo palestino. A líder nacionalista trasladou a preocupación do BNG por unha iniciativa lexislativa que “pretende que a axuda humanitaria non poida seguir chegando a unha poboación palestina que -advertiu- está nunha situación límite”. 

Neste sentido, Pontón considerou que “desde o BNG cremos que é fundamental que a comunidade internacional reaccione para que esa axuda humanitaria poida seguir chegando e, sobre todo, que reaccione para poñer fin a un xenocidio que se está levando por diante demasiadas vidas”.

Trump e Israel 

Ademais, a portavoz nacional advertiu que, tras o resultado electoral que deu a vitoria a Donald Trump, EUA “vai reforzar o seu apoio” ao xefe do Executivo israelí, Benjamin Netanyahu, polo que considerou ”fundamental” romper relacións diplomáticas, económicas e comerciais con Israel.

“Nunha presión na que sexan moitas as voces desde a comunidade internacional que freen este auténtico xenocidio e que poidamos dicir que Palestina é libre e que se acabe con esta situación tan inxusta”, concluíu.