Pontón urxe anular a concesión da AP-9: "Sae máis barato que seguir pagando bonificacións"

Ana Pontón, a pasada segunda feira 8 de setembro. (Foto: Nós Diario)
Pontón tamén pediu ao Goberno español "aproveitar a oportunidade que nos brindan as institucións europeas para pór fin a unha concesión que é ilegal e que por tanto os galegos e galegas non temos que seguir pagando, é a medida máis xusta e máis económica".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou ao Goberno español "pór por diante os intereses dos galegos e galegas" e proceder a anular a concesión da autoestrada AP-9. "Sae máis barato que seguir pagando as bonificacións", sentenciou.

Fíxoo en declaracións a xornalistas con motivo da reunión que mantivo coa Xunta de Persoal do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). "Xa está ben de que uns gobernos e outros, tanto do PP como do PSOE, lle tomen o pelo aos galegos e as galegas, chegou o momento de acabar cunhas peaxes que son unha inxustiza e unha ilegalidade", recalcou.

Pontón tamén pediu ao Goberno español "aproveitar a oportunidade que nos brindan as institucións europeas para pór fin a unha concesión que é ilegal e que por tanto os galegos e galegas non temos que seguir pagando, é a medida máis xusta e máis económica".

Neste sentido, a líder da formación nacionalista asegurou non entender "por que o Goberno estatal do PSOE se emprega en defender a prórroga ilegal que concedeu o PP, xa está ben de que os intereses de Audasa estean por diante".

"Hai que acabar con esta discriminación", engadiu para incidir en que a concesión se ampliou co PP "de forma ilegal". "Non temos que pagar o lucrocesante", insistiu ao demandar que se aproveite a "porta aberta" pola Unión Europea para rescatar á AP-9 dunha ampliación "ilegal".

O Estado rexeita anular a prórroga

Así o manifestou logo de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel recorrese o ditame da Comisión Europea que require ao Goberno español anular concesión da autoestrada AP-9 á compañía Audasa, por entender que foi outorgada de forma ilegal polo Executivo popular de José María Aznar.

Segundo sinalaron na mañá desta cuarta feira desde o departamento dirixido por Óscar Puente, "desde o Ministerio colaborouse e respondeuse a todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea por responsabilidade e para velar polo interese común".