Pontón solicita que os maiores de 80 anos sexan vacinados nos centros de saúde

Ana Pontón.(Foto:Arxina).

O BNG vén de demandar que as persoas maiores de 80 anos sexan vacinadas nos seus centros de saúde de referencia. A proposta preséntase nun momento en que se suceden as queixas polo modelo escollido pola Xunta da Galiza de trasladar aos anciáns aos vacinódromos das grandes cidades.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acaba de reclamar ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que “rectifique” para permitir as persoas maiores de 80 anos recibir a cuarta dose contra a Covid nos centros de saúde en lugar de obrigalas a ir aos vacinódromos.

Pontón denuncia o problema que está a provocar o actual modelo entre os usuarios. Nesta liña, critica que “se impoñen  percorridos de máis de 100 quilómetros co que iso implica de molestias, gastos e intranquilidade, ou esperar a unha “repesca” sen especificar como nin cando, e todo isto nun momento en que a propia Consellaría de Sanidade está alertando dun aumento dos contaxios”.

A líder nacionalista  defende que os maiores “teñen que poder vacinarse nos centros de saúde, coas mínimas molestias, que sexa un proceso rápido e no que prime o benestar das persoas maiores e non hai ningunha razón para este cambio de criterio que xera inseguridade, porque o que fai o Sergas é impoñer os vacunodromos ou ben esperar por unha repesca sen especificar con que criterios”.

Ramona de Rodeiro

A dirixente do BNG lembra que “estamos falando de dificultades reais, que están sendo denunciadas a diario nos medios de comunicación, onte mesmo no BNG recibíamos a denuncia da familia dunha señora de Rodeiro, Ramona, nonaxenaria, a que lle leva máis dunha hora chegar ao vacinódromo do Gaias en Santiago e ten cita para ás 20.00 horas, alguén pensa que ese é o trato que ten que recibir unha persoa de 90 anos?”

A voceira nacionalista sinalou o caso de diversos concellos onde “vacinódromo máis próximo” está “a  50, 70 ou 100 quilómetros”. Neste sentido, citou o exemplo da Fonsagrada, “que ademais non ten transporte público pero están citando ás persoas maiores para acudir ao HULA e senón tes un familiar iso supón cen euros en taxi para unha persoa pensionista. É inaceptábel o que  o que está facendo o Goberno do PP e o que lle pedimos é que rectifiquen dunha vez”.

Pontón insistiu que a Xunta debe permitir “que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose nos centros de saúde, como se fixo até agora, porque non hai ningunha xustificación para obrigalas a ter que desprazarse até unha hora e medida do seu lugar de residencia”.