Pontón reclama destinar fondos do Xacobeo a reactivar o sector cultural

A representante do Bloque Ana Pontón. (Foto: BNG)
Propón un plan de rescate de 28 millóns para cubrir as necesidades máis urxentes e reorientar os fondos destinados ao Xacobeo 2021 na reactivación da cultura galega.

Un Plan de rescate dotado con 28 millóns de euros para sacar ao sector da cultura galega da "Unidade de Coidados Intensivos". É a proposta que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou após un encontro con representantes da cultura do país.

Nel abordaron a situación de "desesperación" á que se atopan polo efecto das medidas de seguridade que limitan, ou prohiben segundo o concello, os espectáculos e outros actos culturais.

"A situación é crítica e precisa de medidas urxentes no inmediato", valorou a líder nacionalista.

E resaltou a necesidade do plan de rescate como unha vía para atender as urxencias máis inmediatas, como os gastos derivados da cancelación de actos, o alugueiro de locais ou as cotizacións sociais.

A maiores, o BNG propón "reorientar" unha parte dos fondos destinados ao Xacobeo 2021, un total de 85,2 millóns de euros, e destinalos a apoiar aos sectores culturais galegos.

Tanto o plan como a suba do presuposto de Cultura a 1% do total inclúense na emenda aos orzamentos da Xunta para 2021 que presentou a forza nacionalista. 

"Temos talento, capacidade, potencial e non podemos deixar que a crise se leve por diante un sector que está nunha situación desesperada", destacou Pontón.