Pontón anuncia unha Consellería de Mocidade fronte o "Prestige da emigración e a precariedade"

Ana Pontón no encontro con mocidade na USC (Foto: BNG)

A aspirante nacionalista asegura que sería a primeira vez que Galiza conta cun organismo con “competencias plenas” nas cuestións que afectan á xuventude. Chama a establecer “un novo contrato social para que ningún mozo ou moza quede atrás ou teña que emigrar por falta de oportunidades no noso país”.

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, propuxo a creación dunha Consellaría de Mocidade para afrontar os problemas específicos da xuventude galega, entre eles a emigración ou a precariedade laboral, durante un encontro electoral con mozos e mozas celebrado esta quinta feira na Facultade de Xornalismo da USC.

A Consellaría suporía, segundo a aspirante nacionalista, contar por primeira vez en Galiza cun organismo con “competencias plenas” nas cuestións que afectan á mocidade, e que permitiría coordinar as actuacións públicas en asuntos como formación, becas, vivenda ou un acompañamento real a quen busca o seu primeiro emprego. "O obxectivo será posibilitar o acceso a un posto de traballo digno", explicou, así crear microcréditos para financiar proxectos de emprego xuvenil e incorporar ao sistema galego da I+D+i a novos e novas investigadores con financiamento estábel.

“O señor Feijóo nega o Prestige da emigración, da precariedade ou dos recortes. Nós cremos que a xente nova ten dereito a soñar e facer posibles as súas esperanzas”, dixo Pontón, en alusión ás políticas do actual presidente galego e candidato á reelección. “Un dos principais problemas que pode ter un país é ter goberno insensibles ante a realidade, ou que mesmo negan os problemas”, salientou.

“Un dos principais problemas que pode ter un país é ter goberno insensibles ante a realidade, ou que mesmo negan os problemas”, salientou Pontón.

Pontón chamou nese sentido a establecer “un novo contrato social para que ningún mozo ou moza quede atrás ou teña que emigrar por falta de oportunidades no noso país”. Recordou que máis de 100.000 mozos e mozas tiveron que marchar do país durante o goberno de Núñez Feijóo, para o que comprometeu a posta en marcha do Plan Retorna, enfocado a traer de volta á mocidade emigrada.

Preguntada polos estudantes presentes no acto, a aspirante do BNG á Presidencia reclamou unha “actuación máis contundente” contra casos como o do profesor da USC Luciano Méndez, acusado de comentarios machistas contra unha alumna. Falou tamén dos medios públicos do país, sinalando que o "mando da TVG" debe "ser dos galegos e non dos presidentes” e apostou por unha programación diferente porque “somos máis modernos do que nos conta esa televisión”.