Pontón propón en Arxentina axilizar a tramitación de títulos para facilitar a captación de persoal cualificado na emigración
Reuniuse co ministro de Gobernación de Bos Aires, entre os contactos con forzas políticas progresistas, nun momento de avance da extrema dereita.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo esta sexta feira axilizar a tramitación da homologación de títulos académicos dos galegos e galegas da diáspora, porque a día de hoxe ese proceso pode tardar até dous anos, afirmou, lastrando a posibilidade de atraer talento e profesionais cualificados que a Galiza precisa. Unha proposta que realizou no marco da viaxe que dese o día 12 e até o 16 realiza por Uruguai e por Arxentina.
"O que nos está transmitindo a colectividade galega tanto en Uruguai como en Arxentina é que os procesos de homologación de títulos tardan moito tempo, limitando o dereito dos galegos e das galegas da diáspora a retornar a Galiza e desenvolver aquí os seus proxectos de vida e de traballo”, explicou Pontón após o seu encontro coa dirección do Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, entidade que desenvolve unha intensa labor de difusión da lingua e cultura galegas entre as novas xeracións.
Pontón advertiu que esa lentitude burocrática afecta as posibilidades de retorno, “mais tamén é un problema para o desenvolvemento económico de Galiza, porque neste momento temos moitos sectores produtivos que buscan mano de obra, ademais de que a chegada das novas xeracións de galegos e galegas da diáspora supón fortalecer unha poboación moi envellecida". "Somos un país de acollida", resumiu a líder do BNG.
Encontro co ministro de Gobernación de Bos Aires
A portavoz nacionalista continuou nesta viaxe reforzando as relacións do BNG coas forzas progresistas desta rexión de América do Sur, neste caso nun encontro mantido co ministro de Gobernación de Bos Aires, Carlos Bianco, a quen trasladou os parabéns polo triunfo do Partido Justicialista, na figura de Alex Kicillof como presidente da Provincia de Bos Aires.
"Nun momento no que a extrema dereita avanza en moitos países de Europa e tamén de América, como é o caso da propia Arxentina, desde o BNG aplaudimos que unha forza progresista lidere o goberno da provincia de Bos Aires e así llo transmitimos”, explicou, após un encontro no que tamén participou a eurodeputada e responsábel de relacións internacionais, Ana Miranda.