Só 1 millón orzamentado para unha obra estimada en 46

Pontón pídelle a Feijóo que "mova o cu" para garantir o saneamento da Ría do Burgo

Ana Pontón, reunida cunha representación das mariscadoras e mariscadores

Os orzamentos do Estado para 2017 só contemplan unha exigua partida dun millón de euros para o saneamento da Ría do Burgo, unha obra valorada polo propio Goberno español en non menos de 46. Ante esta situación, Ana Pontón reclama a Feijóo que "mova o cu" para este mesmo ano comezar a dragaxe da ría.

Non acaba de chegar a hora do saneamento para a Ría de Burgo, un clásico nas demandas da formación nacionalista galega, un clásico dos incumprimentos por parte do Goberno do Estado de compromisos e prazos que se prorrogan unha e outra vez. Esta terza feira, e á beira deste espazo natural, Ana Pontón mantivo unha reunión coa Asociación de Mariscadoras e Mariscadores da Ría do Burgo. A exigua dotación orzamental para 2017 prevista nas contas do Estado enviadas por Montoro ao Congreso pairou en todo momento sobre o encontro da líder da formación soberanista coas traballadoras e os traballadores do mar.

O BNG denunciou que con estes orzamentos se volta a aprazar a dragaxe dos lodos que empecen a recuperación integral dunha ría cun potencial enorme de criación de postos de traballo, por volta dos 2.000 directos (nestes momentos apenas fornece de emprego a un cento de mariscadoras).

"É como se estivesen despedindo miles de traballadoras e traballadores sen facer nada por o evitar", obxetou Pontón, quen no encontro coa Asociación de Mariscadores e Mariscadoras da Ría do Burgo estivo acompañada pola concelleira do BNG na Coruña Avia Veira.

O propio goberno español estima o valor do saneamento a realizar en 46 millóns de euros. Aliás, só orzamenta un millón para 2017. Practicamente nada. É por iso que o BNG vai propor no Parlamento galego unha resposta unánime contra estas contas e, alén do máis, vai demandar a Feijóo que a representación do PPdeG no Congreso non avale os orzamentos mentres estes non contemplaren investimentos básicos para Galiza.

"Teremos que pedirlle a Feijóo que cumpra co de Galiza primeiro [slogan utilizado polo presidente da Xunta] e que mova o cu en defensa dos intereses deste país, porque cada ano os lodos avanzan no fondo da ría e non se pode esperar máis".

Nun encontro coa imprensa, Pontón detallou as iniciativas que o BNG vai despregar sobre este asunto:

 

  • Denunciar no Parlamento europeu os sucesivos incumprimentos das autoridades estatais. Cumpre lembrar a este respeito que en 2013 -e a iniciativa da portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana MIranda- unha delegación da euro cámara visitou a Ría do Burgo.
  • Criazón dunha comisión de impulso e seguimento "onde estean as administracións, a asociación de mariscadoras e todos os axentes sociais dos concellos afectados, incluída a Universidade da Coruña".
  • Estabelecimento de compensacións para as mariscadoras e mariscadores que se vexan forzados a interromperen a súa actividade profisional durante o tempo en que se realice a dragaxe.