Orzamentos 2025

Pontón: "Os orzamentos son pura propaganda dun PP que non ten proxecto de país"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este sábado. (Foto: Nós Diario)
"Estamos ante uns orzamentos ineficaces, antisociais, que benefician os máis ricos, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan", cuestiona a líder do BNG e da oposición no Parlamento galego.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este sábado unha primeira valoración dos orzamentos de 2025 para "desmontar o que hai detrás da propaganda do Goberno do PP" que, a ollos da nacionalista, "repite, como o día da marmota, que estamos ante unhas contas históricas, sociais e cun investimento récord".

“Pero detrás da propaganda oficial, a realidade é que son uns orzamentos antisociais, que benefician os máis ricos porque consolidan un sistema fiscal regresivo, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan. Os orzamentos son papel mollado, ineficaces porque non dan resposta aos problemas dos galegos e galegas e a proba de que o Goberno do PP non ten ningún proxecto de país”, afirmou.

Vivenda

Pontón puxo en dúbida que estes sexan os "orzamentos da vivenda", logo de quince anos "nos que o Goberno do PP non fixo máis que dinamitar a política social de vivenda". Nun momento, ademais, no que o acceso a unha vivenda é "misión imposíbel para a xente moza e para moitas familias", sinalou, e engadiu: "Lonxe de facilitar o acceso estamos antes unhas contas que promoven a especulación cos alugueres".

De feito, argumentou, “a medida estrela de [Alfonso] Rueda é baixar impostos ás grandes fortunas, construtoras e fondos voitre que decidan comprar ou construír pisos para alugar ao prezo que lles pete. Non hai ningún requisito para que este tipo de rebaixas vaian dirixidas a alugueres a prezos asumíbeis, senón que favorecen a especulación e a quen xa ten recursos”.

Así, "se unha construtora ou un fondo voitre" compra un edificio por valor de dous millóns de euros no centro da Coruña, Vigo ou Compostela e decide pór pisos de luxo en aluguer, a Xunta "regálalle 22.500 euros en bonificación do imposto de actos xurídicos documentados". "Beneficio para a xente moza que busca desesperadamente un aluguer? Cero", denunciou, no que cualificou como "unha auténtica burla".

O outro grande anuncio nesta materia é que se triplica o investimento en vivenda, mais, subliñou, “a realidade é que o PP incumpre sistematicamente o investimento en vivenda, de tal forma que entre 2019 e 2023 deixou sen executar 124 millóns de euros, 68% do total”. Ao longo dos últimos anos, proseguiu, "non só recortou, senón que a maior parte do anunciado nunca se investiu”. E denunciou que as contas de 2025 "non teñen ningunha medida efectiva para mellorar o acceso a vivenda no curto e medio prazo".

"E, mentres tanto, o Goberno de Rueda segue boicoteando os concellos que piden a declaración de zona tensionada para pór topes ao aluguer ou que como Compostela toma medidas valentes para regular as vivendas de uso turístico”, continuou.

Fiscalidade "regresiva"

O BNG destaca que "tampouco son uns orzamentos solidarios", porque "consolidan unha política fiscal que baixa máis impostos aos que máis teñen, co resultado de que a Facenda pública perdeu 1.300 millóns de euros nos últimos catro anos, recorte do que presumía o propio presidente da Xunta".

"Pero non din que as súas baixadas de impostos significan que se ingresas 12.500 euros ao ano aforras 50 euros; se ingresas 60.000, aforras 500, e se estás entres as 7.000 persoas con máis patrimonio da Galiza, aforras 4.415. E con 50 euros non pagas nin unha radiografía, pero con 1.300 millóns máis non habería listas de espera na sanidade pública. Para iso serven os impostos que o PP recorta baixando máis aos máis ricos, para financiar servizos públicos básicos”, argumentou Pontón.

"Infrafinanciamento" do SAF

Tampouco son sociais, entende a formación nacionalista, unhas contas "que seguen infrafinanciando servizos fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)", mentres "drena 160 millóns ao sector privado das residencias, nunha Galiza que é a terceira comunidade autónoma con menos investimento en dependencia". Pontón avanzou que o BNG vai defender un incremento do financiamento do servizo de axuda a domicilio de 12 a 20 euros por hora. "É esencial para as familias", dixo.

Tras os anuncios en materia de ciencia "era esperábel" para Ana Pontón un incremento nesta materia. "Pero a realidade é que os orzamentos recollen un recortazo de 28% no Plan de I+D+i, que perde 48 millóns de euros, un erro que fai que Galiza quede atrás nun ámbito fundamental para o noso futuro", lamentou.

"A farsa do investimento"

Outro asunto no que a líder do Bloque quixo rebater foi a "propaganda oficial do maior investimento da historia", porque "a realidade é que as cifras que se ofrecen son ciencia ficción, tendo en conta que cada ano o Goberno do PP anuncia millóns de euros en investimentos que nunca se executan". De feito, entre 2019 e 2023 quedaron sen investir 2.758 millóns de euros, a razón de 552 millóns cada ano.

"Hai que ter en conta que só 20 de cada 100 euros dos orzamentos son investimento, pero aínda así o Goberno do PP é incapaz de executalos, demostrando unha xestión nefasta. Por iso, escoitar o señor Rueda dicir que o investimento vai impulsar o crecemento da Galiza é un chiste. Como vas impulsar a economía e os sectores produtivos se es tan mal xestor que  deixas sen investir centos de millóns de euros? É a demostración de que os orzamentos do PP son unha farsa que se repite ano tras ano", alegou.

Incremento do pagamento da débeda

O PP evitou dar a contía do custo da débeda pública "malia levar días coa difusión interesada de datos", sostivo Pontón, pero coa chegada das contas ao Parlamento "constátase que o pagamento da débeda é a terceira partida máis alta, e sobe 16%, cinco veces máis que a media dos orzamentos".

Finalmente, Pontón fixo referencia á Lei de acompañamento, criticando que "volve ser un coladeiro polo que o Goberno modifica ducias de leis pola porta de atrás sen pasar polo debate parlamentario, mesmo afectando ámbitos tan sensíbeis como o desenvolvemento eólico nun momento de barra libre ao espolio das eléctricas".

"Estamos ante uns orzamentos ineficaces, antisociais, que benefician os máis ricos, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan. Os orzamentos son papel mollado e demostran que o Goberno do PP non ten ningún proxecto de país, nada que permita á Galiza enfrontar os grandes retos que ten por diante. Son pura propaganda", concluíu Pontón.