Pontón felicita as festas con humor e actuando cun monólogo

Ana Pontón nun momento do monólogo. (Foto: Nós Diario)

A líder nacionalista repasa con ironía e comicidade varios temas da actualidade galega e internacional que marcaron este 2025.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apostou este ano por innovar na súa mensaxe de Nadal e optou polo humor para felicitar as festas a todos os galegos e galegas. Enriba dun escenario, e empregando o formato do monólogo, a líder nacionalista repasa, mesturando ironía e comicidade, algúns dos asuntos que marcaron a actualidade galega e internacional ao longo de 2025.

Así, tira de retranca para reflexionar sobre as tradicións e costumes destas datas, incluíndo os propios discursos de fin de ano dos líderes políticos, que parodia.

“Acércanse nestas datas memorábeis datas de Nadal unhas datas nas que nos reunimos na intimidade do lar cos nosos. Perdoade que que vos fale así pero é que estou preparando o meu discurso de fin de ano como presidenta e como falta menos teño que estar preparada”, comeza.

Na súa felicitación, Pontón comparte desde o humor reflexións sobre algúns dos temas que máis atención suscitaron ao longo do ano, asumindo un rol moi diferente da súa faceta como líder do BNG para felicitar as festas a toda a cidadanía galega.

Pontón introduce o tema de Altri, sinalando que na súa "cea de empresa" só estarán "catro directivos, un par de alacaldes e os conselleiros do Partido Popular. "Igual non todos que teñen que estar coas eléctricas, coas mineiras, as residencias e a sanidade privada", engade.

Ademais, a líder do BNG fala do centralismo, da substitución de árbores como o piñeiro por eucaliptos e, a nivel internacional, do "Belén" e da necesidade de paz en Palestina.