Pontón, desde Lugo, apela á política útil porque "non todos somos iguais"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta terza feira Lugo para pór en valor o traballo de Rubén Arroxo á fronte da Tenencia de Alcaldía da cidade. Na cidade da Muralla, a dirixente nacionalista reafirmou a "posición clara e inequívoca do BNG de tolerancia cero ante a corrupción".
Na súa comparecencia ante a prensa, reivindicou "outra forma de facer política" sen deixarse arrastrar "pola crispación e a confrontación da lameira" da política madrileña. "Non é certo que todos sexamos iguais, no BNG levamos máis de 40 anos con responsabilidades importantes de Goberno e non temos nin unha soa persoa condenada por un caso de corrupción", subliñou, para indicar que "este non é un problema de todos e todas, senón o dun réxime político onde parece que a corrupción é estrutural e afecta a eses partidos sistémicos, á Coroa real e a todo un tecido empresarial que se beneficia dela".
Pontón defendeu que a Xustiza sexa "implacábel" coa corrupción e considerou "noxento e repulsivo" o reparto de "mordidas" ou "como se trata as mulleres como se fosen mercadoría". Lembrou que os nacionalistas pediron a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso.
Sobre o PP, afirmou que "é o único partido de Europa condenado por financiamento ilegal" e cualificou de "incríbel" que o "campión da corrupción e condenado polo Tribunal Supremo por financiamento ilegal durante 20 anos", pretenda presentarse agora como un exemplo de boa política.
Arroxo, pola súa parte, comprometeuse, o día en que se cumpriu o ecuador do mandato, a executar antes dos comicios de 2027 a totalidade do programa electoral e sinalou que o transporte rural a demanda "pronto estará listo". Tamén destacou que a meta é alcanzar un modelo urbano en que calquera persoa teña a menos de cinco minutos un espazo ao ar libre. Pontón reivindicou que estes dous anos “foron o auténtico motor” de avance e transformación de Lugo, cidade para a que o BNG ten “un proxecto claro”.