Pontón acusa Rueda de pór o monte galego ao servizo das celulosas: "Está en mans de Ence, Altri e Navigator"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo esta sexta feira estender a moratoria do eucalipto até 2030, tal e como fixo Portugal, en vez de seguir convertendo Galiza “nun polvorín para beneficio de Altri, tal e como está facendo o Goberno de Alfonso Rueda”.
Pontón advertiu de que “o PP converteu Galiza nun eucaliptal e Altri vai supor aínda máis eucalipto nos nosos montes, con máis risco de incendios, con máis risco contra o noso medio ambiente e tamén para a seguridade das persoas”, polo que defendeu, ademais da paralización da macrocelulosa, unha moratoria na plantación de eucaliptos, como mínimo, até o ano 2030.
“Nin un só eucalipto máis nos nosos montes durante os próximos cinco anos porque os intereses da Galiza teñen que estar por diante dos de Altri”, recalcou logo da reunión que mantivo con representantes de entidades do monte e do ámbito forestal para analizar a situación do sector.
A líder nacionalista recordou que a expansión do eucalipto neste momento está “totalmente descontrolada”, con 413.000 hectáreas, 14% do territorio galego, fronte ás 245.000 que, como máximo, recollía o Plan forestal galego para o ano 2032.
Aliás, a líder nacionalista lembrou que a Galiza representa 50% de todas as cortas do Estado, pero só 13% da facturación e do emprego. Pontón denunciou que hoxe en día o control dos montes galegos “está en mans de tres grandes pasteiras: Ence e as portuguesas Altri e Navigator". “Hai que dar un xiro de 180 graos á ordenación e xestión do noso monte para polo ao servizo do país, acabando coas portas xiratorias e con esa cadeira que teñen eses intereses no Consello da Xunta”, denunciou.
Mobilizarse
A preguntas da prensa, Pontón considerou “clave” para frear a “bomba ambiental” de Altri a mobilización social, "única vía" que deixa un Goberno galego, "empeñado en tomar decisións en contra da xente deste país”. “Un Goberno que non escoita a súa cidadanía é un Goberno que non respecta a democracia”, concluíu a portavoz do BNG.