Espimos os programas electorais

Desde unha lei da familia a garantir clases de inglés

Protección social

Galiza conta con cada vez menos persoas e cunha poboación máis avellentada, motivo polo que a protección social é, se cabe aínda, máis urxente blindar.

Nun país como Galiza, o debate sobre as políticas de protección social son unha urxencia por resolver e blindar. Os prognósticos estiman que no ano 2031 contaremos cunha pirámide poboacional cun 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos. Pese a isto, a pensión media en Galiza é 150 euros inferior á media estatal, que é de 985 euros mensuais. Vexamos que políticas propoñen desde cada formación nos seus programas electorais de cara ao 28A en materia de dereitos sociais e protección.

 

Para o Partido Popular, que nos anos de Mariano Raxoi á fronte do Goberno central adoptou severos recortes en materia de política social, “a familia é o eixe da sociedade” son eixos básicos, segundo afirman no seu programa, polo que promoverán “políticas cunha perspectiva de familia” e apostan na creación da Conferencia Sectorial da Familia, para o seguimento e promoción de políticas nesta materia.

 

O BNG pula por reverter os recortes e garantir as necesidades sociais de toda a poboación

 

O BNG recolle como obxectivo no seu programa reverter “todos os recortes que se aplicaron nos servizos públicos e esixir a aplicación inmediata de medidas que permitan elevar o nivel de vida da poboación galega”. Nesa liña, o Bloque defende garantir as necesidades sociais “a toda a poboación” e avogan por incrementar o gasto en protección social até atinxir, “como mínimo, o gasto medio en protección social do conxunto da Unión Europea”. Sitúa, como obxectivo principal, asegurar o carácter público dos servizos sociais básicos.

 

Asegurar o carácter público dos servizos sociais básicos

 

En canto a dependencia, o nacionalismo esixe derrogar o real decreto que incrementou o copagamento e eliminou o pagamento da seguridade social ás persoas coidadoras.

 

No seu programa recollen medidas sobre vivenda como a aprobación dun programa para a implantación dunha bolsa de vivenda social en alugueiro, o estabelecemento de límites nos prezos ou a aprobación da dación en pagamento con carácter.

 

En Marea: por un “estado social con ampliación de dereitos”

 

En Marea afirma no seu programa pular para “suprimir toda a lexislación antisocial e recentralizadora aprobada polo goberno central”, como os decretos que “impoñen recortes sanitarios e educativos”, así como derrogar os obstáculos de contratación de persoal e de creación de servizos públicos introducidos pola lei de reforma e sostibilidade local.

 

Poñer en marcha fondos extraordinarios específicos contra o despoboamento

 

Avogan por poñer en marcha fondos extraordinarios específicos contra o despoboamento, así como deseñar unha estratexia estatal de coidados “que garanta redes eficaces de servizos públicos en materia de familia e atención á infancia” e apostan pola socialización dos coidados como responsabilidade do goberno, “non exclusiva das mulleres”.

 

Comprométense a traballar para modificar os criterios de valoración da discapacidade, recoñecendo o 33% de discapacidade para as persoas con diagnóstico de epilepsia refractaria, e pularán por aprobar o plan de acción da estratexia española de trastorno do espectro do autismo.

 

En Marea quere deseñar “unha estratexia de estado de atención ás persoas dependentes”.

 

En Común-Unidas Podemos propón unha renda básica garantida

 

O programa de En Común-Unidas Podemos recolle unha “renda básica garantida”, implantando unha prestación de suficiencia de ingresos que terá unha contía inicial garantida por adulto de 600 euros ao mes, incrementándose en función do número de membros do fogar até os 1.200 euros. “Esta renda garantida actualizarase periodicamente co valor máis alto entre o IPC e o crecemento do salario mediano”, afirman.

 

Desde a coalición tamén defenden mellorar a protección das persoas desempregadas e derrogar a reforma de 2013, que “reduce a protección tanto no acceso as prestacións como na contía das mesmas”.

 

Avogan pola reforma do sistema de pensións de cara a frear a perda de poder adquisitivo

 

No epígrafe titulado “Pensións dignas” avogan pola reforma do sistema de pensións de cara a frear a perda de poder adquisitivo das persoas pensionistas, reducir a brecha de xénero e “derrogar os aspectos máis regresivos das últimas reformas”, así como regularizar as pensións das persoas emigrantes retornadas.