Podemos Galiza: "Nós xa somos en certa medida unha fronte de unidade popular"

[Imaxe de arquivo]

O secretario xeral da formación, Breogán Riobóo, amosouse aberto ao diálogo mais aclarou que concorrerán ás eleccións españolas "co nome de Podemos".

 

Representantes do Consello Cidadán de Podemos na Galiza compareceron esta quinta feira (6 de agosto) perante os medios de comunicación en Vigo. Na súa intervención o secretario xeral da formación, Breogán Riobóo, insistíu en que concorrerán ás eleccións ás Cortes españolas "sempre co nome de Podemos". 

Riobóo sinalou que este é un "mandato de Vistalegre" embora amosarse aberto ao "diálogo" para artellar unha candidatura galega. "Estamos abertos a que haxa un diálogo con total normalidade", sinalou segundo a información recollida pola axencia de noticias Europa Press. "Hai a posibilidade de concorrer, obviamente sempre co nome de Podemos, mais cun espazo máis amplo". 

Refírese así Breogán Riobóo á proposta lanzada por Pablo Iglesias que se traduciría nun Podemos trazo "outra cousa". 

A respeito da construción dunha alternativa de "unidade popular" como promoven, entre outras formacións, desde Esquerda Unida, Riobóo asegurou que a súa formación é xa "en certa medida unha fronte de unidade popular".