A poboación galega rexeita maioritariamente a monarquía

En primeiro termo, Felipe VI, en Barcelona.

As galegas non somos monárquicas. Mentres Felipe VI segue a contar co respaldo maioritario da cidadanía do Estado, o groso da poboación das nacións sen Estado  declárase republicano. Unha recente enquisa volve certificar esta tendencia de carácter estrutural que non para de medrar desde 2009.

Un estudo elaborado entre o 28 de maio e o 3 de xuño pola empresa demoscópica IMOP para o xornal dixital El Confidencial cunha mostra de 1.031 entrevistas no conxunto do Estado español vén certificar que a opción republicana é maioritaria no noso país, cun 51,6%, deixando nun 45,6% a porcentaxe de galegos que se declaran monárquicos.

O 51,6% da poboación galega declárase republicana

As conclusións deste estudo sociolóxico veñen certificar as tendencias xa manifestadas noutros traballos anteriores, como o publicado por CTXT hai practicamente un ano, ou os dados filtrados das enquisas elaboradas polos grandes grupos económicos.

Neste sentido debemos explicar a negativa do CIS a preguntar sobre esta cuestión nas súas sondaxes periódicas, até o punto de retirar en 2015 do seu barómetro a valoración sobre a monarquía. Á vista dos dados semella que a substitución de Juan Carlos de Borbón polo seu fillo Felipe non deu os resultados desexados, aumentado nos anos do reinado a contestación á institución.

As nación sen estado lideran o rexeitamento á monarquía

Catalunya, Euskadi e Galiza encabezan a alternativa republicana, significándose dentro destas as dúas primeiras nacións. Así, na Catalunya administrativa o 74,0% da poboación aposta na república e só un 21,6% na monarquía. Acontece outro tanto en Euskadi, onde un 70,6% dos entrevistados decláranse republicanos e un 24,7 monárquicos.

A outra cara da moeda atopámola en Andalucía, o territorio que máis solidamente apoia Felipe VI cun 75,1% que se confesa monárquico e un 23,5% de republicano, e en Madrid, onde o 62,0% da poboación expresa o seu apoio á coroa e un 37,4% á república.

Os dados de conxunto recollidos neste estudo de IMOP para as dúas castelas, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Canarias, Estremadura e Murcia ofrecen uns dados semellantes, cun 56% da poboación favorábel a monarquía e un 39% en contra. A foto final desta sondaxe deixa poucas dúbidas sobre a centralidade do vector nacional á hora de explicar a contestación á monarquía.

O electorado nacionalista é o máis republicano

O rexeitamento á monarquía é proporcional ao nivel da conciencia nacional e ao peso social das alternativas nacionalistas. A información achegada pola enquisa de IMOP sinala que a base electoral do tripartito de dereitas é a grande defensora da coroa, declarándose como monárquico o 90,7% dos votantes do Partido Popular, o 82,7% dos de Vox e o 82,2% dos de Ciudadanos, sumando no caso dos primeiros ás maiores porcentaxes de apoio á república precisamente na Galiza.

Pola súa contra o electorado das formacións nacionalistas é o máis proclive á alternativa republicana, sinalando hai para un ano unha enquisa de Electomania para CTXT que o 96% dos votantes de PNV e  PDCAT e o 95% de ERC, Bildu e BNG votarían contra a monarquía nun referendo.

Os votantes do PSOE presentan a maior división ao respecto, cun 51,6% que se declaran republicanos, significándose nesta porcentaxe a posición dos votantes socialistas nas tres nacións sen Estado e Valencia.

Galiza non ten rei

A situación que vive a coroa non pasa desapercibida para os partidos sistémicos até o punto de que as mostras e declaracións de apoio son cada día máis claras. As primeiras palabras de Pablo Casado como presidente do PP proclamando a lealdade do seu partido á casa real, a imaxe dos dirixentes de Vox colocando cadros do monarca nos seus despachos ou a utilización de garabatas de cor verde, símbolo apoio a monarquía, por un número importante de dirixentes políticos son un exemplo evidente dos problemas da institución.

A día de hoxe Felipe VI xa non é rei dunha parte significativa dos cidadáns do Estado, carecendo de marxe para ensanchar a súa base e cunha posición cada día máis decantada cara opcións reaccionarias. Porén segue contando co apoio dos grandes poderes económicos e do aparello do Estado que ve nel o garante da súa unidade.