O Concello de Dodro outorga o título de 'Fillo Predilecto' a Moncho Reboiras

Xoán Bautista Mariño, á esquerda, no Pleno municipal no que se aprobou a declaración de Moncho Reboiras como 'Fillo Predilecto' do Concello de Dodro. (Foto: Nós Diario)
No 50 aniversario do asasinato do dirixente nacionalista pola Policía da ditadura franquista

O pleno de Dodro (O Sar) aprobou onte a declaración de Xosé Ramón Reboiras Noia como Fillo Predilecto do Concello. A iniciativa, presentada polo BNG, contou co apoio do PSdeG e Unidade Veciñal e o voto en contra do PP. A proposta xa fora anunciada o pasado 12 de agosto no acto de homenaxe a Moncho Reboiras no cemiterio de Imo (Dodro), organizado polo Comité de Honra do 50 aniversario do asasinato de Reboiras e polas fundacións Moncho Reboiras,  Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e Galiza Sempre.

Bautista Mariño, portavoz municipal do BNG en Dodro, defendeu a proposta onte ante un salón de plenos ateigado de familiares, simpatizantes e veciñanza e agradeceu ao alcalde, Xabier Castro Tourís (PSdeG), e a Unidade Veciñal o apoio ao recoñecemento a un dos veciños "máis sobranceiro". Reboiras, dirixente nacionalista, naceu en Imo en 1950 e foi asasinado 25 anos despois en Ferrol pola Policía española. 


O voceiro do BNG destacou a formación intelectual, sindical e capacidade de liderado político de Reboiras, que sentou as bases da actual central sindical de clase maioritaria hoxe na Galiza, dixo, "con máis de cinco mil cen delegadas e oitenta e seis mil persoas afiliadas, a CIG que xunto con movementos culturais e desde a Unión do Povo Galego, contribuíu a desenvolver o nacionalismo galego desde os tempos do franquismo chegando até hoxe".

Memoria contra o fascismo


O portavoz municipal do BNG asegurou que a rebelión é a única vía que lle queda aos pobos oprimidos contra o fascismo e lembrou como o avogado Nemésio Barxa "puido demostrar anos máis tarde a manipulación dos feitos e do atestado posterior onde se daba a entender que Moncho se suicidara; feitos que xa adiantara o historiador e sacerdote nacionalista Francisco Carballo asegurando que Moncho fora tiroteado polas costas con tres balazos", salientou. 


Foi o primeiro paso para lograr en 2009, "a familia, canda o daquela deputado do BNG Francisco Rodríguez", que o Estado español o declarase vítima do franquismo. Aliás, Mariño sinalou que o recoñecemento de Fillo Predilecto "é outro acto necesario para ensinar ás futuras xeracións o respecto, como demostran no básico PSOE, UV e BNG. Para que nunca máis volvamos sufrir o fascismo. As mulleres e os homes de Galiza e as nacionalistas do BNG nunca saberemos canto lle debemos ás persoas que foron perseguidas polo fascismo".