O Concello da Coruña aproba a regulación das VUT e a taxa turística

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, no centro, esta quinta feira, no Pazo de María Pita. (Foto: Concello da Coruña)
Outro dos puntos destacados na parte resolutiva da orde do día foi a aprobación da coñecida como taxa turística, neste caso en aprobación en fase inicial.

O pleno da Corporación do Concello da Coruña aprobou esta quinta feira a regulación das vivendas de uso turístico (VUT), a cal, segundo o Goberno local, ten como obxectivo principal facilitar o aluguer tradicional.

Desta maneira, a nova ordenanza reguladora das VUT na Coruña entrará en vigor nos próximos días despois de que o pleno do Concello aprobase definitivamente o marco normativo, ideado para reforzar o paquete de medidas que está a impulsar o Goberno de Inés Rei co obxectivo de afrontar as dificultades de acceso á vivenda na cidade herculina.

Outro dos puntos destacados na parte resolutiva da orde do día foi a aprobación da coñecida como taxa turística, neste caso en aprobación en fase inicial, polo que aínda non entrará directamente en vigor.

A normativa, explicou o Executivo municipal, nace para "promover un turismo sostíbel" unha recarga municipal sobre o imposto autonómico nas estadías turísticas, concibida para reforzar a prestación dos servizos públicos na cidade ante o aumento de persoas viaxeiras que se está a contabilizar nos últimos anos.

Todo isto nunha sesión plenaria na que tamén se deu luz verde ao novo convenio coa Universidade da Coruña (UDC) para a Cidade das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación), que suporá un investimento municipal de máis de 11 millóns de euros para o impulso do "gran polo tecnolóxico da Galiza".

Ademais, tamén se aprobou a nova ordenanza de mobilidade, normativa que recentemente se levou á Xunta de Goberno Local, onde recibiu o visto e prace antes de someterse á súa ratificación por parte da Corporación.

Desta maneira, a nova ordenanza actualiza toda a normativa municipal neste ámbito e regula o uso de bicicletas. Ademais, tamén se deu luz verde á ordenanza de praias, que regulará a convivencia nos areais.

Neste contexto, o portavoz do Goberno local, José Manuel Laxe, informou, ademais, que o Concello logrou a concesión por parte do Estado dos terreos do parque do Observatorio, que se converterá en zona verde aberta ao público neste mandato.