"Unha perspectiva centrada nas persoas, o espazo público e o territorio": un concurso marcará o futuro da fachada marítima da Pobra

Fachada marítima da Pobra do Caramiñal. (Foto: Fundación RIA)
A colaboración entre O Concello da Pobra do Caramiñal (O Barbanza), a Fundación RIA e o Colexio de Arquitectos da Galiza (COAG) permitirá lanzar o vindeiro mes un concurso público para a redacción do plan director da fachada marítima, momento a partir do cal se abrirá o prazo para a recepción de candidaturas.

O Concello da Pobra do Caramiñal (O Barbanza), a Fundación RIA e o Colexio de Arquitectos da Galiza (COAG) colaboran para impulsar un concurso de arquitectura "que marcará o futuro da fachada marítima do municipio".

Este proceso de planificación estratéxica, que guiará a transformación urbana do municipio, actívase grazas á sinatura de dous convenios de colaboración, un entre o Concello e a Fundación RIA e outro entre o Concello e o COAG.

A colaboración entre entidades permitirá lanzar o vindeiro mes un concurso público para a redacción do plan director da fachada marítima, momento a partir do cal se abrirá o prazo para a recepción de candidaturas.

Este proceso aspira a crear "un novo modelo de relación entre A Pobra do Caramiñal e o seu bordo litoral", desde "unha perspectiva centrada nas persoas, o espazo público e o territorio".

O COAG ofrece respaldo administrativo e metodolóxico á convocatoria. Ademais, presta colaboración técnica ao Concello para a instrumentación e desenvolvemento do concurso, con especial atención ao asesoramento na redacción das súas bases e a súa viabilidade técnica e urbanística.

Tamén se encargará de difundir a convocatoria do concurso entre os colexiados e colexiadas do territorio a nivel estatal co fin de conseguir a maior participación posíbel.

Pola súa parte, RIA traballou da man do Concello na análise, a redacción dos pregos técnicos, no estabelecemento de condicións e criterios de deseño e na coordinación dos axentes implicados no concurso.

A iniciativa, que busca "estabelecer referentes de boas prácticas", conta co apoio da Fundación MOP, que contribúe economicamente ao financiamento dos estudos previos de análise e planificación, así como ao cofinanciamento dos premios do concurso e outros gastos relacionados.