Sánchez anuncia un acordo coa OTAN para non subir a 5% o gasto militar do Estado español, que será de 2,1% do PIB
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo un acordo coa OTAN para non subir o gasto militar do Estado español até o 5% do Produto Interior Bruto (PIB): "Respectamos o desexo lexítimo doutros países de aumentar o seu investimento en defensa, se así o quixesen, pero nós non imos facelo".
Un pacto que cualificou como "moi positivo" debido a que permite "cumprir coa alianza transatlántica" e "preservar a súa unidade" sen incrementar o gasto en defensa. Así se expresou despois de que a pasada quinta feira o líder do Executivo enviase unha carta ao secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, na que lle trasladaba que o Estado español non podía comprometerse a aumentar o gasto en defensa ao 5% do PIB na cimeira da semana que vén e expúñalle ou que ben se facía unha excepción ou que o obxectivo fose "opcional".
Nunha declaración institucional desde a Moncloa, Sánchez expuxo que o funcionamento da OTAN baséase na identificación dos perigos e ameazas e na designación das capacidades técnicas, humanas e militares "para neutralizalas". Con todo, destacou as "asimetrías" económicas que hai entre países á hora de cumprir cos obxectivos.
Sánchez asegurou que alcanzar a cifra que esixía Estados Unidos, suporía un “malgasto de millóns de euros”. En concreto, segundo os seus cálculos, chegar a 5% custaríalle a cada traballador ao redor de 3.000 euros anuais en impostos.
Destacou que un gasto de 2,1% é o suficiente para “manter todo o persoal e equipamento” da política de defensa española: “Nin máis nin menos”. En cambio, chegar a 5% faría que gran parte dese diñeiro fóra a reforzar a industria doutros países.