Pedro Sánchez anuncia incentivos para propietarios "que garantan vivenda digna"
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, vén de anunciar un real decreto lei con "beneficios" para propietarias e propietarias de vivenda que "garantan vivenda digna" e con "freo" a quen "especule".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta segunda feira un real decreto lei, con medidas que incluirá incentivos fiscais a propietarias e propietarios que non suban o prezo do aluguer cando se renoven os contratos, a regulación contra a "fraude" nos alugueiros de tempada e a limitación ao "abuso" do alugueiro por habitacións.
"É sinxelo: a quen garante vivenda digna apoiarémolos e a quen especula con iso porémoslles freo", avanzou o xefe do Executivo na súa visita esta segunda feira aos traballos de demolición dos primeiros edificios do acuartelamento de Campamento, en Madrid, para a construción de 10.700 vivendas accesíbeis.
En concreto, a primeira medida contempla unha bonificación fiscal completa aos propietarios, do 100%, no imposto da renda das persoas físicas (IRPF) que compensará o que gañarían se incrementasen o prezo do aluguer ao renovar o contrato aos inquilinos. "Desta maneira gañamos todos", defendeu.
A segunda, trátase de limitar os contratos de tempada para pór fin ao "uso fraudulento evidente que se está producindo", segundo explicou Sánchez. Para iso, o Goberno estatal fixará condicións estritas para que un contrato poida considerarse de tempada e estabelecer un réxime sancionador para quen incumpra a regulación estatal de alugueiros de curta duración.
"As nosas cidades, por desgraza, están a encherse de contratos de tempada que obrigan as persoas para renegociar e a vivir na incerteza permanente sen un motivo realmente xustificado, salvo o da especulación e o da cobiza, e por tanto non imos permitilo", defendeu.
A terceira medida que se incluirá na norma vai pór freo ao uso do aluguer por habitacións. "Nos últimos tempos detectamos unha tendencia que é realmente preocupante e é a conversión de pisos completos en alugueiros por habitacións, co único obxectivo de incrementar as rendas", apuntou o xefe do Executivo español.
Por iso, o Goberno español pretende estender as garantías dos alugueres habituais aos de habitacións. Así, os novos contratos de aluguer deste tipo deberán respectar dúas condicións: que a renda total do conxunto de habitacións non vai poder superar a renda do contrato da vivenda completa e, en zonas tensionadas declaradas, aplicaránselles os mecanismos de control de rendas que contempla a lei de vivenda.
"Ademais de seguir construíndo máis vivenda, como imos facer aquí na 'Operación Campamento', imos continuar intervindo o mercado do aluguer no noso Estado. E ímolo a facer porque algúns están a utilizar a vivenda para enriquecerse sen escrúpulos, á conta do sufrimento de centos de miles de familias", sinalou o presidente.