Café con Nós

Pedro Blanco, delegado do Goberno español na Galiza: "Prevese que o estudo sobre o tren de 'Cercanías' estea a finais de ano"

Pedro Blanco, esta quinta feira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
Pedro Blanco Lobeiras (Monfero, 1968), avogado laboralista e veciño de Compostela, é desde hai dous anos o delegado do Goberno español na Galiza. Esta quinta feira acudiu á redacción de Nós Diario para participar do quinto 'Café con Nós', un encontro coas e cos xornalistas deste medio no que, entre outras cuestións, se abordou a celulosa de Altri, o transporte, o estado de saúde da actual lexislatura ou a situación do PSdeG compostelán. 

Nun momento convulso para o Executivo Estatal, cuestións como a posíbel concesión de axudas públicas a Altri ou a rede de trasnportes seguen sendo temas prioritarios para a Galiza. Pedro Blanco fai unha valoración positiva do conseguido polo Executivo de Pedro Sánchez até o momento e fala da importancia de "mirar cara adiante".

—Tomou posesión como delegado do Goberno español na Galiza en 2023, e desde entón hai un tema especialmente vivo na sociedade galega: a celulosa de Altri na Ulloa. Tras quedar fóra das axudas ao Perte de descarbonización, considera que a fábrica ten encaixe noutras convocatorias de axudas do Estado? Haberá celulosa en Palas de Rei?
Na primeira axuda estatal que pediu o proxecto de Altri, este non alcanzou a puntuación necesaria para telo en conta. O proxecto que se presentou hai dous anos é completamente diferente ao que parece que pretenden instalar na Ulloa. Calquera empresa que queira concorrer a subvencións pode presentarse, mais existe unha serie de exixencias que hai que cumprir e neste caso non se cumpren. Non podo dicir se se vai instalar ou non, pois todo depende de se cumpre todos os requirimentos ambiental e legalmente exixíbeis. Nós estaremos expectantes. Se o que pretenden é, como se dixo, 25% do investimento a fondo perdido, paréceme bastante complicado. 

—Que balance fai destes dous anos como delegado do Goberno estatal na Galiza?
Creo que é un balance positivo. O que facemos é escoitar as necesidades da Galiza e trasladalas aos ministerios e ao Goberno, así como atraer todos os investimentos que poidamos. Este é un Goberno que encarou unha crise humanitaria, social e económica como nunca antes viviramos... Comparando a crise de 2008 e de 2012 coa da Covid, nun caso houbo recortes, copago dos produtos sanitarios, conxelación das pensións, EREs brutais... e como afrontamos esa crise? Afrontámola porque tiñamos un sistema social que non foron capaces de desmantelar. Porén, na crise da Covid lembro empaparme dun BOE de 30 follas no que cada día se estendía a protección a un colectivo máis.  E unha vez que saímos diso unha persoa con moita visión [Pedro Sánchez] vai a Europa e suxire a necesidade de sacar os fondos do plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Non hai que esquecer que iso fíxoo Pedro Sánchez e que o PP criticaba ese plan de recuperación, un plan que trouxo miles de millóns de euros que non só nos axudaron a saír da crise, senón que nos axudaron a dar unha volta a todo o sistema de benestar, dereitos e infraestruturas. Non é só facer autoestradas que estaban nos caixóns, como a Autovía Lugo-Santiago, senón que se propón a chegada da Alta Velocidade a Ourense ou a construción da intermodal de Santiago; increméntanse as bolsas [para estudantes] en máis de mil millóns de euros, amplíanse as prazas de residencias da terceira idade... Son un montón de recursos que están chegando á vida real. 

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—Fala vostede do ferrocarril, e esta semana finalizaron os abonos gratuítos de Renfe. No Estado dispúxose dunha tarxeta que custa 20 euros ao mes para moverse en trens de proximidade, percorrendo distancias en Madrid ou Catalunya superiores ao traxecto Vigo-Compostela. Na Galiza non hai tren de proximidade, e ese traxecto que acabo de pór como exemplo ten un custo, co bono mensual, de 140 euros. Vai o Goberno español pór en marcha unha medida para compensar esta discriminación? Haberá tren de proximidade nesta lexislatura?
Esta semana estivo aquí o alto comisionado do Eixo Atlántico e falamos disto, porque o secretario de Estado [de Transportes] está facendo un estudo sobre as ‘Cercanías’. Estamos falando de traxectos de até 45 minutos, como en Madrid ou Barcelona, pero xeograficamente non é o mesmo, pois aquí as cidades son menos grandes e estariamos falando de distancias como Santiago-Ordes. Temos un transporte público que pode competir con calquera outro medio, as cifras de incremento de pasaxeiros son espectaculares. Agora A Coruña-Santiago supón media hora e, aínda que efectivamente desapareceron os bonos gratuítos, segue sendo moito máis barato ir en tren que en coche. 

Todo isto puxo de manifesto que temos un medio de transporte público bo e que a xente o aprecia. E agora estase facendo un estudo para ver como podemos organizar algo parecido ás ‘Cercanías’. Prevese que o estudo estea feito para finais deste ano ou principios do que vén, para ver como afrontamos a posibilidade deste tipo de transporte [na Galiza].

Alberte Mera, Pedro Blanco, Ana Loureiro e Yuri Carrazoni, esta quinta feira 3 de xullo. (Foto: Arxina)

—E a transferencia da AP-9 aprobarase nesta lexislatura?
Fundamentalmente o que interesa aos usuarios e ás usuarias é o feito de que a AP-9 sexa gratuíta. Actualmente é de quen é, porque quen no seu momento tiña que solucionalo asinou unha prórroga [a Audasa] e ese é o problema que temos. Dito isto, se se transfire a AP-9 á Galiza vai ser gratuíta para os usuarios? Esta mesma pregunta fixéronlla á conselleira non hai moito e eludiu a resposta. Proba disto é que temos algunhas autoestradas que dependen da Xunta que seguen sendo de peaxe. 

Este Goberno é o primeiro que puxo enriba da mesa as bonificacións para os usuarios. Por tanto, a cuestión é, se a AP-9 é transferida e pasa a ser da Xunta, vai ser gratis? 

—En canto á presente lexislatura, como ve a situación do Executivo español após o encarceramento de Santos Cerdán? 
Dixémolo publicamente e o presidente foi absolutamente claro: inmediatamente pedíronse desculpas porque foi algo sorpresivo. Agora ben, o que hai que pensar neste momento é o que se está a facer. Economicamente estamos sendo un país de referencia europeo, mantendo o sistema de pensións, subindo o salario mínimo interprofesional, facendo unha reforma laboral, incrementando o número de ocupados até superar os 2,8 millóns... A solución é seguir para adiante. Temos que esgotar a lexislatura; quedan moitas cousas por facer e moitos dereitos que recoñecer.

"Temos que esgotar a lexislatura, quedan moitas cousas por facer"

Actuouse de modo inmediato, pedíuselle a acta de deputado [a Cerdán] e foi expulsado do partido. E, a diferenza do que pasa con outros partidos, cando Santos Cerdán entrou no cárcere xa non era afiliado nin deputado.

—E nesa lexislatura que queren completar, cales serían as tres cuestións principais a activar?
O principal reto é transmitir aos galegos e ás galegas o que estamos facendo. Temos que trasladarlle á xente onde estabamos, como estamos e o que queremos facer. Por exemplo, o impulso á Lei de paridade ou a 'Lei ELA', ou que acabamos de celebrar 20 anos de matrimonio igualitario. Esta é a serie de cousas que me gustaría que a xente entendese, desde as persoas maiores até os novos votantes, porque estamos entrando nunha época na que moita rapazada comeza a cuestionarse cousas tan evidentes como que ser feminista non é máis que pretender que teñamos os mesmos dereitos. Debemos chegar a toda esa xente nova que a día de hoxe, e por falta de información, é capaz de abrazar ideas case fascistas.

—Fontes do PSdeG sinálano como o próximo candidato á Alcaldía de Santiago...
Para min é un orgullo que alguén poida pensar en min para iso, mais creo que non toca neste momento. Estou de delegado do Goberno e non teño outra cousa pensada que non sexa seguir traballando como delegado do Goberno. Levo case 40 anos afiliado ao Partido Socialista en Compostela e a día de hoxe hai un equipo formado de xente nova moi preparada, un equipo de afiliados, simpatizantes, amigos e executivos no que calquera podería encabezar unha lista. Neste momento ponse en evidencia que Compostela necesita un cambio porque a cidade sempre avanzou con gobernos socialistas: Estévez, Bugallo... E eu creo que é necesario ese cambio. Calquera das persoas que están no grupo municipal ou calquera dos membros da Executiva que encabeza Aitor [Bouza], ou calquera doutros moitos, están preparados. Insisto, síntome alagado porque eu nacín e son de Monfero, mais levo desde os 14 anos en Santiago e polo tanto a miña xente vive aquí. 

—Como é a súa relación con Pedro Sánchez?
É unha persoa capaz de ver as cousas con gran perspectiva, de chegar a Europa e propor unha solución a unha crise, de dicirlle a Trump que de 5% [do PIB destinado a gasto militar] nada, de recoñecer que o que está pasando en Gaza é un xenocidio... Hai tempo que non tiñamos un líder no Partido Socialista, nin en España ou en Europa, coa súa capacidade de traballo e coa súa capacidade de estar con todos. 

—E con Alfonso Rueda? Cando falou por última vez con el?
A semana pasada, porque coincidimos nun acto. A relación con Alfonso Rueda é absolutamente cordial. Pode axudar que somos da mesma promoción, coincidimos na Facultade [de Dereito]. Temos unha relación correcta aínda que de vez en cando haxa que corrixilo, porque o presidente Rueda ás veces pérdese na teoría e está mal informado. Eu represento o Goberno do Estado; el, o da Xunta, e a partir de aí non hai necesidade de polémica.

Apaixonado de Compostela e da defensa das persoas traballadoras

Foron as casualidades as que levaron este avogado a ser delegado do Goberno estatal na Galiza. Quizais por iso mantén que ás veces aínda sente certa "morriña" polos xulgados. Porén, Blanco considera que resulta enriquecedor que "alguén da rúa, que traballa noutras cousas", acabe inmerso na política, percibindo cuestións que doutra forma é máis complicado comprender. Do mesmo modo, e malia admitir que bota de menos a UXT –onde durante anos foi avogado laboralista–, os compañeiros e os xulgados, o seu traballo segue a ser hoxe "axudar á clase traballadora". E, se antes o facía desde o exercicio xurídico e agora non, ve a política "como unha ferramenta", segundo expresa, para contribuír a axudar á clase media traballadora. Aliás, e cun grande amor pola súa terra natal, Monfero (O Eume), tras case 40 anos de militancia socialista en Compostela e vivindo na cidade desde os 14 anos, onde tamén estudou, non pode deixar de sentir moi de perto a capital galega.